Este anuncio previo permitirá reducir os prazos do proceso cando se inicie a contratación dos traballos, acurtando de 35 a 15 días naturais o prazo de presentación de ofertas
A Xunta de Galicia publicou hoxe no Diario Oficial da Unión Europea o anuncio de previo de licitación das obras de prolongación da Vía Ártabra desde a N-VI ata a estrada autonómica AC-221, cun orzamento base de 29,6 millóns de euros.
A publicación deste anuncio previo no boletín oficial comunitario permite reducir os prazos legalmente establecidos cando se inicie o proceso de contratación dos traballos, acurtando desde 35 ata 15 días naturais o prazo para a presentación das ofertas por parte das empresas interesadas en executalas. Xunta mantén como un obxectivo prioritario a execución da prolongación da Vía Ártabra ata a AP-9, un treito clave para completar a funcionalidade desta infraestrutura fundamental para a mobilidade da área da Coruña. Dado que o Ministerio de Fomento non autorizou aínda a conexión coa AP-9, a Xunta decidiu dividir a actuación en dúas fases para poder avanzar, iniciando xa a primeira, que chegará ata a estrada autonómica AC-221.
Sen embargo, a licitación inclúe xa a previsión de modificar o contrato para ampliar as obras ata a AP-9 cando o Ministerio de Fomento así o autorice, o que elevará o investimento ata máis de 35 millóns de euros.
Para axilizar en todo o posible os trámites necesarios para executar os traballos, a Xunta publica este anuncio previo no Diario Oficial da Unión Europea, establecendo xa o importe da licitación en máis de 29,6 millóns de euros aos que deberán engadirse os custos das expropiacións e das asistencias técnicas. O prazo de execución establécese en 36 meses.
A infraestrutura proxectada ten unha lonxitude aproximada de 3 quilómetros e prevé dous enlaces, un coa N-VI e outro coa AC-221. A sección transversal da vía estará formada por dúas calzadas separadas con mediana de ancho variable e dous carrís por calzada de 3,50 metros cada un.
O de hoxe é un novo paso que se suma ao xa dado o pasado verán coa licitación do contrato de servizos para realizar as expropiacións dos terreos necesarios para as obras. As expropiacións que se xestionarán a través do contrato que se vén de licitar supoñen unha ocupación de 270.060,51 m2 repartidos en 244 fincas nos concellos de Cambre, Oleiros e Sada, aos que hai que engadir 29.978,37 m2 de expropiación temporal que se ocuparán para a execución das obras e á súa finalización se devolverán aos seus propietarios. Ademais, ocuparanse 23.724,25 m2 como servidumes de redes de servicios que se deben recolocar. O custo estimado das expropiacións é de máis de 1,5 millóns de euros.
- Te recomendamos -