A directora de Turismo e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica visitaron hoxe unha actividade formativa gastronómica que se desenvolve no restaurante do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG)
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, animaron hoxe aos alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) a seguir apostando polos produtos do mar no seu futuro profesional para garantir unha gastronomía galega de calidade e recoñecida nacional e internacionalmente.
Ambas quixeron coñecer hoxe de primeira man o traballo levado a cabo polos estudantes do centro que participaban nunha actividade formativa que contou coa colaboración de Anfaco-Cecopesca. Como parte da súa formación en restauración, os alumnos comprobaron as distintas posibilidades que ofrecen as conservas galegas na alta cociña. A actividade serviu, ademais, para pór en valor a importancia da industria conserveira galega, así como a da gastronomía, que é xa o segundo motivo polo que os turistas elixen Galicia como destino.
Dentro da súa programación anual da titulación no Diploma en Gastronomía e Xestión en Cociña, o Centro Superior de Hostelería de Galicia cede temporalmente cada ano o seu restaurante aos alumnos dos últimos cursos para simular a xestión dun negocio real. Neste caso trátase de Atala, un proxecto fin de carreira ideado por seis alumnos que abre ao público esta semana. Tras o asesoramento de membros de Anfaco-Cecopesca, os alumnos desenvolverán durante estes días elaboracións culinarias novidosas feitas con produtos do mar. O grupo de alumnos deberá xestionar o restaurante e defender os resultados e o proxecto diante dun xurado que os avaliará a final de curso.
- Te recomendamos -