A Administración autonómica reunirase cos representantes do Goberno central este mesmo mes co plan como asunto prioritario
A Xunta de Galicia analizará xunto ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) as necesidades do plan de recuperación nos xulgados galegos para trasladarllo posteriormente ao Ministerio de Xustiza. A reunión celebrarase a semana que vén e permitirá concretar os recursos necesarios a aportar por cada Administración, logo de que o TSXG aporte os datos recabados nos órganos xudiciais galegos. O Goberno galego levará a posta en marcha da segunda fase deste plan como asunto prioritario na reunión que ten previsto manter este mesmo mes cos representantes do Ministerio de Xustiza.
A colaboración do Ministerio é fundamental para axilizar ao máximo posible a recuperación do traballo, en tanto persoal como xuíces, letrados ou fiscais dependen directamente do Estado e a el corresponde polo tanto a remuneración do seu traballo extra. O anterior Executivo mostrara o seu compromiso de apoiar o plan e a Xunta confía en que esa predisposición se manteña tras o cambio de Goberno.
En xuño comezou unha primeira fase do plan, con reforzos nos servizos de rexistro de escritos nos decanatos, servizos comúns de notificacións e embargos, e Imelga. Agora, tras o período vacacional e xa coas estatísticas do primeiro semestre, prevé aplicarse a práctica totalidade do plan. De momento, rexistráronse preto de 1.600 solicitudes de persoal interesado en participar nesta iniciativa.
Para a Xunta é unha prioridade recuperar a normalidade nos xulgados galegos. Por iso, vai facer un importante esforzo sufragando as horas extra que sexan necesarias entre o persoal que depende da Administración autonómica, sendo imprescindible en todo caso tamén a implicación do Ministerio de Xustiza para a viabilidade do plan.
Cómpre recordar, ademais, que os detalles de como abordar a recuperación de traballo tamén se están a avaliar no seo da comisión constituída cos sindicatos para facer seguimento do acordo que puxo fin á folga.
- Te recomendamos -