Inicio Galicia A Xunta analiza cunha delegación institucional de Colombia vías de colaboración e...

A Xunta analiza cunha delegación institucional de Colombia vías de colaboración e novas oportunidades comerciais

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse esta mañá con representantes de Caldas, Quindío e Risaralda, tres departamentos da zona central deste país suramericano que conforman o Eixo Cafeteiro


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse esta mañá cunha delegación institucional de Colombia -en concreto, o Eixo Cafeteiro que conforman Caldas, Quindío e Risaralda, tres dos 32 departamentos que, xunto con Bogotá, conforman este país- para explorar e analizar a posibilidade de establecer lazos comerciais en sectores estratéxicos tanto para Galicia como para o país suramericano.

En concreto, os asistentes valoraron as oportunidades de colaboración que poden xurdir en torno á industria do café, o vitivinícola, a minería e o sector das enerxías renovables, en especial a xeotermia. Eidos nos que se poderá seguir afondando na próxima visita que realizará a Galicia o gobernador de Caldas, tal e como lle confirmaron ao conselleiro no transcurso do encontro. A delegación colombiana estivo encabezada polo presidente da Asamblea parlamentaria de Caldas, Silvio Eduardo Arboleda, e o secretario de Facenda e Crédito Público do Goberno de Caldas Luis Alexander Pineda, así como a Cámara de Comercio de Caldas.

Galicia conta con preto dunha vintena de empresas implantadas en Colombia e 320 compañías que exportan os seus produtos ou servizos a este país no que existen oportunidades para o sector das infraestruturas, das franquicias, do turismo e das enerxías renovables, polo que o contacto establecido hoxe, segundo o conselleiro, é unha importante ocasión para que as empresas galegas poidan dar a coñecer a calidade dos seus produtos e servizos en Colombia.

Neste sentido, a delegación institucional colombiana estendeu unha invitación ao conselleiro para que poida coñecer de primeira man algúns dos sectores punteiros do departamento de Caldas e poder seguir estreitando lazos. Pola súa banda, Conde trasladoulles a posibilidade de que poidan utilizar as infraestruturas galegas como plataforma loxística para a exportación dos seus produtos e avanzou que nos próximos meses Galicia realizará varias misións comerciais e eventos nos que Colombia terá un especial protagonismo e que estarán centradas no sector agroalimentario.


- Te recomendamos -