Inicio Galicia A Xunta ampliará en dúas unidades a escola infantil da rede ?A...

A Xunta ampliará en dúas unidades a escola infantil da rede ?A Galiña Azul? en Arzúa

0

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar xa remitiu ao Concello arzuano o convenio de colaboración necesario para acometer esa actuación

A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, acometerá a ampliación en dúas unidades da escola infantil da rede autonómica “A Galiña Azul” no concello coruñés de Arzúa.

Esa actuación permitirá aumentar a oferta do centro en 35 prazas, ao pasar de 41 prazas (3 unidades) a 76 prazas (5 unidades), elevando a taxa pública de cobertura para nenos de 0 a 3 anos, que na actualidade era do 32,54% (por debaixo, polo tanto, do 33% recomendado pola Unión Europea) e paliando a lista de agarda que soportou esa escola nos últimos cursos.

O xerente do Consorcio mantivo dende hai meses varios encontros e reunións, tanto co alcalde de Arzúa, como con representantes da corporación municipal, para valorar a necesidade e idoneidade da actuación. Logo desas conversas e análise, o Consorcio remitiu ao Concello de Arzúa o convenio de colaboración necesario para poder acometela.

As obras suporán un investimento total de 150.186,46 euros, dos que o Consorcio desembolsará 100.000 (cunha achega do 80% dos Fondos Feder) e, o montante restante, 50.186,46 euros, corresponderalle ao Concello.

O Consorcio aproveitará ademais para realizar algunhas obras de reforma na escola infantil de Arzúa, que se traducirán nunha mellora importante na prestación do servizo, sempre co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar dos veciños do concello e da zona.

De feito hai que ter en conta, sempre dende unha perspectiva e planificación dos investimentos supra-municipal, que o centro arzuano cubre tamén a demanda dos pais e nais doutros concellos da área que non dispoñen de ningún recurso público para nenos de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos. 


- Te recomendamos -