Inicio Galicia A Xunta amplía as axudas económicas a vítimas de violencia de xénero...

A Xunta amplía as axudas económicas a vítimas de violencia de xénero previstas para este ano

0

Increméntase o crédito do exercicio 2018 en case 960.000 euros, que se suman aos máis de 3 millóns de euros consignados o pasado mes de xaneiro


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe un incremento de 958.927,58 euros na dotación orzamentaria asignada para a concesión de axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Esta ampliación súmase aos 3 millóns de euros xa consignados para esta axuda nos orzamentos iniciais da Secretaría xeral de Igualdade, co fin de garantir ás mulleres vítimas deste tipo de violencia unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do seu agresor, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

Dado o volume de solicitudes presentadas, a Xunta decidiu ampliar a partida para atender a este colectivo. Deste xeito o Goberno galego reafirma o seu compromiso coas vítimas da violencia de xénero, ás que lle ofrece os recursos necesarios para favorecer a súa saída do ciclo da violencia.

A contía das axudas, que poden percibirse por un período máximo de doce mensualidades, oscila entre os 300 e os 800 euros ao mes, en función dos ingresos da beneficiaria, dos seus fillos ou fillas menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores avaliables.

Os requisitos para optar a estas axudas son ser muller maior de idade ou emancipada vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia; ter cesado esta convivencia co agresor dentro dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude; percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente; estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.

Galicia foi a primeira CCAA do estado en dispoñer dunha axuda deste tipo e a única que a ten operativa de maneira ininterrompida ao longo de todo o ano, incluído ademais como beneficiarias dela ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.


- Te recomendamos -