Os novos servizos de atención á infancia e conciliación que entran en funcionamento en Ourense están emprazados nos concellos de Baltar, Beariz, Os Blancos, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, O Irixo e San Amaro
San Amaro (Ourense), 25 de abril de 2018.- A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, salientou hoxe a consolidación da rede de recursos de conciliación no rural durante a visita á casa niño O país de nunca xamais, recentemente aberta no municipio ourensán de San Amaro. Neste acto tamén participou a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira.
Esta nova infraestrutura, que na actualidade atende a catro nenos e nenas en xornada partida e cuxo horario esténdese de 9.00 a 17.00 horas, é unha das nove que entran en servizo na provincia de Ourense dentro da última convocatoria de axudas da Consellería de Política Social correspondente ao ano 2017. Así, ademais de San Amaro outros concellos que estrean casa niño son Baltar, Beariz, Os Blancos, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei e O Irixo. Deste xeito, sumando as convocatorias de 2016 e 2017, as dúas realizadas ata a data, Ourense conta con 27 equipamentos deste tipo.
A responsable do departamento autonómico de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica insistiu na importancia que teñen estes servizos tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornos rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais.
Neste sentido, apuntou que o Goberno galego seguirá estendendo as casas niño para crear unha rede máis ampla de recursos de conciliación no rural, avanzando que no primeiro semestre deste ano sairá adiante unha nova convocatoria de axudas, a terceira, para outorgar outras 15 subvencións para o desenvolvemento doutros tantos proxectos. No seu conxunto, entre as dúas primeiras convocatorias de 2016 e 2017 e a nova orde de axudas que sairá nos vindeiros meses, a Xunta investirá 6,1 millóns de euros para facer posible a entrada en servizo de 61 casas niño distribuídas por toda a xeografía galega.
Amparo González sinalou que a posta en marcha desta iniciativa piloto na comunidade “é unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia por que nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades”, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia. Así mesmo, apuntou que “tamén constitúe un apoio ao emprendemento en localidades de carácter rural que con proxectos como este dá resposta a unha demanda como é o coidado dos máis pequenos e ás necesidades de conciliación”.
Por último, a directora xeral reiterou que “seguiremos apostando por este servizo porque investir no benestar das familias e dos nenos e nenas é facelo no presente e futuro de Galicia”, ao tempo que engadiu que o impulso de novos recursos como as casas niño “responde ao compromiso de facer que Galicia sexa un mellor lugar para vivir, para formar unha familia e, sobre todo, para ser neno”.
Cómpre sinalar que as casas niño constitúen un recurso gratuíto para as familias que residen en concellos de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia. Esta medida forma parte das iniciativas que se contemplan no Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) que Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís –con especial atención aos polígonos empresariais e industriais- ou o incremento das prazas sostidas con fondos públicos.
- Te recomendamos -