O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse co secretario de Estado de Xustiza, quen lle confirmou o apoio que xa trasladara o anterior Goberno
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, amosou hoxe a súa satisfacción despois de confirmar o compromiso do Ministerio de Xustiza de colaborar no plan de recuperación dos xulgados galegos. Rueda entrevistouse en Madrid co secretario de Estado de Xustiza, Manuel Dolz, e refrendou a palabra dada polo anterior Goberno.
Xunta de Galicia, Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e Fiscalía consideraban completamente imprescindible a implicación do Ministerio de Xustiza na segunda fase do plan, xa que a dotación económica para xuíces, fiscais e letrados procede do Goberno central.
Agora, xuíces, fiscais e letrados serán consultados para coñecer a súa dispoñibilidade para participar nesta fase, que afectará a 98 órganos xudiciais. A intención é que se poña en marcha en outubro, tal e como se indicou.
Esta nova etapa chegará despois da primeira fase, desenvolvida no mes de xuño, e na que se realizaron reforzos nos rexistros, servizos comúns de notificacións e embargos, e Imelga, o que permitiu poñer ao día a práctica totalidade dos asuntos pendentes neses departamentos. Para elo, a Xunta de Galicia contou coa colaboración duns 1.600 funcionarios que fixeron horas extras nas que o Goberno autonómico investiu uns 100.000 euros.
Cómpre recordar, ademais, que os detalles de como abordar a recuperación de traballo tamén se están a avaliar no seo da comisión constituída cos sindicatos para facer seguimento do acordo que puxo fin á folga.
- Te recomendamos -