Inicio Galicia A Xunta adxudicou a construción de dúas glorietas nas interseccións da ronda...

A Xunta adxudicou a construción de dúas glorietas nas interseccións da ronda María Emilia Casas, en Monforte de Lemos

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que as obras darán comezo previsiblemente na primeira quincena de xullo e serán executadas pola empresa Ovisa por un orzamento de 252.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda adxudicou á empresa Ovisa as obras de construción de dúas glorietas na ronda de María Emilia Casas Baamonde do casco urbano de Monforte.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou que a obra foi adxudicada cun orzamento de 252.000 euros. Os traballos darán comezo previsiblemente na primeira quincena de xullo e teñen un prazo de execución de tres meses; afectan á LU-664 no tramo urbano comprendido entre os puntos quilométricos 1,150 e 1,240 e inclúen o reforzo do firme e as beirarrúas. A Ronda María Emilia Casas conecta polo norte coa estrada provincial LU-P-3202, e polo sur dá acceso ao Hospital Comarcal e ao núcleo de Monforte. Dentro das actuacións a desenvolver tamén se recollen o acondicionamento dos entroncamentos das vías transversais nos devanditos nós, a humanización da estrada entre glorietas, o reforzo do firme, a reposición da drenaxe e da sinalización viaria e defensas.

O reforzo do firme afectará ao tramo entre os puntos quilométricos 1,000 e 1,350 e realizarase mediante un fresado de cinco centímetros de espesor do firme existente e reposición do espesor fresado con mestura asfáltica nova e o estendido dunha nova capa de rodadura ,tamén de mestura asfática en quente, en todo o ancho da calzada.

Así mesmo, executarase unha beirarrúa pola marxe esquerda (xunto ao hospital) entre as glorietas de Abeledos e Corredoira, e na parte sueste da glorieta de Abeledos darase continuidade á beirarrúa existente da rúa, ata o paso de peóns da LU-664. Nos pasos de peóns e cruzamento co camiño paralelo á LU-664, farase un rebaixe da beirarrúa.

Como actuación necesaria para mellorar a seguridade vial e por mor das novas glorietas, refórzase a iluminación no ámbito da obra, colócanse novos báculos con luminaria LED nos pasos de peóns, similares aos que hai dispostos na LU-664. As luminarias dos báculos existentes nos pasos de peóns cámbianse por unhas de tecnoloxía LED. Nos illotes centrais das glorietas dispoñeranse farois centrais, formados por columnas de aceiro galvanizado con 4 proxectores suxeitos, orientados a cada un dos ramais, e luminarias LED.


- Te recomendamos -