O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, avanzou que os traballos, para os que se reservan preto de 300.000 euros, comezarán previsiblemente na segunda quincena de xullo
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda adxudicou á empresa Ovisa as obras de mellora do firme na estrada autonómica LU-212, ao seu paso polos concellos de Taboada e Monterroso, actuación para a que destina un investimento de preto de 300.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego prevé que os traballos sobre o terreo dean inicio ao redor da segunda quincena do mes de xullo, unha vez que se completen os trámites administrativos previos e a sinatura do contrato.
O proxecto adxudicado inclúe a mellora localizada do firme ao longo de 11 quilómetros de lonxitude, en ambos termos municipais. O treito da actuación abrangue, en concreto, desde o PQ 0+000 ao 10+800, o que inclúe ambos termos municipais.
A actuación consistirá na rehabilitación localizada do firme, naquelas zonas nas que se ten producido deterioro estrutural, a executar mediante o fresado das mesmas e a súa posterior reposición con nova mestura bituminosa en quente en todo o ancho do carril. Complementariamente tamén están prevista a reposición da sinalización horizontal afectada (repintado de marcas viarias) e dun aforo permanente de espiras (que mide a intensidade e características do tráfico) emprazado nos espazos obxecto de mellora.
O Goberno galego impulsa diversas melloras nas estradas autonómicas lucenses, que permiten ganar en seguridade viaria e a garantir o confort na circulación para os usuarios das vías, así como poñer ao servizo da veciñanza dos municipios beneficiarios unhas vías de comunicación en perfecto estado.
- Te recomendamos -