Inicio Galicia A Xunta adxudica as obras de mellora de seguridade viaria no acceso...

A Xunta adxudica as obras de mellora de seguridade viaria no acceso ao peirao de Portosín, cun investimento de máis de 370.000 euros

0

Estes traballos, cun prazo de execución duns 8 meses, serán realizados pola empresa Nemesio Ordóñez S

A.

A Xunta vén de adxudicar as obras de mellora de seguridade viaria no acceso ao peirao de Portosín, no Concello de Porto do Son, que permitirán eliminar un treito de concentración de accidentes, cun investimento de máis de 370.000 euros.

Estes traballos, cun prazo de execución duns 8 meses, serán realizados pola empresa Nemesio Ordóñez S.

A.

As obras realizaranse nunha zona clave no concello de Porto do Son e do núcleo de Portosín, polo elevado tránsito de vehículos pesados que acceden ao porto e o incremento significativo do tráfico en verán. E a actuación iniciarase este mesmo ano, para tela rematada o vindeiro verán do 2019.

Esta nova intervención acométese atendendo ás demandas dos veciños, nun punto, onde conflúen o propio acceso ao peirao pola Travesía da Igrexa, a estrada autonómica AC-550, e a Avenida da Constitución, que está identificado como un treito de concentración de accidentes (TCA) e incluído dentro da estratexia da Xunta para eliminar todos os puntos negros das estradas autonómicas.

Segundo o proxecto do departamento de Infraestruturas da Xunta se prevé a construción dunha glorieta na zona na que hoxe que existe unha intersección que se atopa nunha curva de radio reducido, con pouca visibilidade, especialmente para os coches que se incorporan á AC-550 desde a Travesía da Igrexa. A construción desta glorieta vai permitir calmar os tráficos e realizar os xiros de forma máis segura.

Nas obras tamén se proxecta a reorganización e urbanización do espazo sobrante entre a AC-550 e a Avenida da Constitución, que lle dá acceso á Igrexa de Goiáns e ao cemiterio, e habilitar aquí unha zona de aparcadoiro, para atender á demanda existente.

Ademais, executarase unha pequena pasarela de madeira sobre o rego da igrexa, para facilitar o acceso desde o aparcadoiro, e tamén se crearán novos pasos de peóns, instalarase novo alumeado e adecuarase a rede de pluviais á nova superficie.

Trátase dunha intervención de reforzo da seguridade nas estradas de titularidade autonómica, materia prioritaria para a Xunta, e que ten o seu marco no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, que teñen como obxectivo último reducir nun 50% as vítimas mortais das estradas galegas con respecto ás rexistradas no ano 2011.


- Te recomendamos -