A intervención comezará na segunda quincena de xuño e teñen un prazo de execución de 6 meses
A consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar as obras de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada AC-543, que unirá A Barcia e Roxos, no Concello de Santiago, cun investimento de preto de 870.000 euros.
As actuacións, que buscan optimizar a circulación de peóns, ciclistas e tráfico rodado e incrementar a seguridade viaria dos veciños, foron adxudicadas á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.
L e o prazo de execución establecido é de 6 meses aproximadamente.
Esta infraestrutura terá unha lonxitude aproximada de case 3 quilómetros, na marxe dereita da estrada, desde o tramo comprendido entre o lugar da Barcia ata a parroquia de Roxos, no Concello de Santiago, é dicir, entre os puntos quilométricos 1+800 e o 4+150 e o 5+040.
A senda consta dunha plataforma cun mínimo de 1,8 m de ancho, de formigón coloreado e separada da calzada por unha zona axardinada, mais os bordos de separación. Non obstante, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 1+970 e 2+012 proxéctase unha pasarela de madeira de 2 metros de ancho coa fin de salvar o regato existente.
Este novo itinerario forma parte do proxecto previsto pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda para facer posible completar o percorrido entre Compostela e Bertamiráns a través da estrada autonómica AC-543 (Santiago-Noia) sen necesidade de empregar o coche.
A intervención forma parte do Plan de sendas de Galicia que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está desenvolver na comarca de Santiago, sumando 14,6 novos quilómetros.
Estas obras cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
- Te recomendamos -