Inicio Galicia A Xunta adxudica a construcción do novo centro de saúde de Narón...

A Xunta adxudica a construcción do novo centro de saúde de Narón por 5 millóns de euros e do de Salceda de Caselas por 1,7 millóns de euros

0

O centro de saúde de Narón contará cunha superficie construída de 4.300 m2, o que suporá un incremento de preto de 1.800 m2 respecto do centro actual

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestructuras, vén de adxudicar o proxecto de construción do novo centro de saúde de Narón, por un orzamento previsto de 5.032.714 euros e un prazo máximo de execución de 19 meses, á empresa Xestión Ambiental de Contratas S.

L. O Executivo galego tamén adxudicou a construción do novo centro de saúde de Salceda de Caselas por un importe de 1.679.168 euros á empresa Construcións Iglesias Mera S.

L, cun prazo máximo de execución de 15 meses.

NarónO novo centro de saúde de Narón situarase nunha parcela de 6.142 m2, cedida polo Concello ao Sergas, e terá unha superficie construída de preto de 4.300 m2, o que supón un incremento de preto de 1.800 metros cadrados respecto do centro actual, infraestrutura que será cedida ao Concello para usos sociais.

O edificio, que tamén albergará o Punto de Atención Continuada (PAC), constará de dúas plantas e un semisoto nos que se distribuirán os diferentes espazos. Atenderá a unha poboación de 35.000 tarxetas sanitarias no centro de saúde e preto de 45.000 no PAC.

As instalacións disporán dunha área médica de 14 consultas de medicina xeral, 12 de enfermería, 2 de farmacia, un despacho para o traballador social, unha sala de toma de mostras, 2 salas de técnicas, 4 salas polivalentes e 4 de consultas de docencia. Na área pediátrica, haberá 4 consultas de pediatría e 3 para enfermería pediátrica. Na área da muller o proxecto contempla unha consulta para matrona, unha sala de educación sanitaria e unha consulta para o programa da muller. Na zona dedicada a urxencias, disporá dunha consulta de odontoloxía, unha para hixienista, una para fisioterapia, un ximnasio e unha sala de reunións. Na área de persoal haberá despachos para coordinación administrativa, sala de estar, arquivo e sala de xuntas.

SalcedaA nova infraestrutura sanitaria de Salceda contará cunha superficie construída de 1.321 m2, o que supón un incremento de 863 metros cadrados (un 188% máis), respecto ao espazo do actual centro de saúde, que conta cunha superficie de 458 m2.

O Sergas xa presentou hai uns meses o proxecto de construción deste novo edificio da rede sanitaria pública galega. A superficie quedará distribuída nunha entrada con vestíbulo e zona de recepción e na área de asistencia sanitaria contémplase 5 consultas de medicina xeral, 5 de enfermería, 1 consulta polivalente, 1 sala de técnicas, 1 sala de extraccións, 2 consultas de pediatría, 2 de enfermería pediátrica e 1 consulta para matrona.

Disporá tamén de arquivo con historias clínicas, biblioteca/sala de xuntas, aseos e vestiarios, ademais doutros espazos con servizos comúns.

Na actualidade, o concello pontevedrés de Salceda de Caselas dispón de 7.832 tarxetas sanitarias adscritas, das que 1.391 son de pacientes en idade pediátrica.

O Sergas está a realizar un importante esforzo inversor en novas infraestruturas sanitarias na área sanitaria de Vigo. Ademais do inicio das obras en Salceda, hai que lembrar que nos últimos meses ven de poñerse en funcionamento os novos centros de saúde dos concellos de Oia, Nigrán (Panxón), Tui e Taboada Leal (Vigo). Nestes momentos tamén están en execución as obras do de Gondomar; e en diferentes fases de tramitación administrativa a ampliación e reforma de Pazos de Borbén e o de Bouzas (Vigo).


- Te recomendamos -