O Atlantic Fest e o Morrasound Rock incorpóranse por primeira vez á listaxe de encontros subvencionados nesta convocatoria, que incrementou en máis dun 27% respecto ao ano pasado a súa dotación para a modalidade de música
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no seu web a resolución das subvencións da Xunta a festivais de música, a través da que este ano lles achega 280.000 euros a 12 eventos. Esta cifra supón un incremento superior ao 27% respecto á dotación reservada en 2017 para a modalidade de música desta convocatoria, dentro da que a semana pasada se resolveu a adxudicación doutros 180.000 euros a oito mostras de artes escénicas.
O Atlantic Fest, que se celebrará do 20 ao 22 de xullo na Illa de Arousa, e o Super Bock Morrasound Rock Festival, que tivo lugar a pasada fin de semana en Domaio (Moaña), incorpóranse por primeira vez este ano á listaxe de eventos beneficiarios, mediante a que reciben 29.993 e 3.879 euros, respectivamente.
Próximas citasA dotación restante distribúese entre outros 10 festivais, a meirande parte deles de próxima celebración. O máis inminente é o Resurrection Fest, subvencionado con 47.093 euros para a 13ª edición que arranca mañá mesmo. A continuación, terán lugar o Festival Sinsal SON Estrella Galicia na Illa de San Simón (do 26 ao 29 de xullo), cofinanciado pola Agadic con 19.696 euros; o SonRías Baixas de Bueu (do 2 ao 4 agosto), con 23.465 euros; o Revenidas de Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa (do 17 ao 19 de agosto), con 21.676 euros; o Festival de la Luz de Boimorto (do 7 ao 9 de setembro), con 20.168 euros; o WOS Festival de Santiago (do 12 ao 16 de setembro), con 17.276 euros; e Cantos na Maré de Pontevedra (do 11 ao 14 de outubro), con 28.297 euros.
En canto aos encontros xa celebrados, recibe unha subvención de 39.203 euros o PortAmérica, que tivo lugar a semana pasada en Caldas de Reis; de 24.798 euros o FIV de Vilalba, celebrado en abril; e de 4.449 o Festival de Jazz de Lugo para a 27ª edición que levou a cabo en novembro de 2017.
A través destas axudas, a Xunta de Galicia busca contribuír á consolidación dun mapa galego de festivais de carácter profesional, así como a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos. De feito, o texto da convocatoria fai especial fincapé na consideración deste tipo festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalidade. A concesión das subvencións realízase seguindo o procedemento de concorrencia competitiva, mediante a aplicación do baremo especificado nas bases por parte da comisión de avaliación.
A relación de festivais adxudicatarios, entidades solicitantes, puntuacións acadadas e contías resultantes pode consultarse no web www.agadic.gal.
- Te recomendamos -