Estas subvencións son similares ás que o Goberno galego proporcionou en 2017 para paliar os danos dos incendios, que ascenderon a 170 concedidas
A Xunta activará de forma inmediata as axudas ás persoas con casas danadas pola explosión pirotécnica en Tui, que poderán sufragar o 100 % da reparación de vivendas habituais.
As subvencións son similares ás de 2017 para paliar os danos dos incendios, que ascenderon a 170 concedidas, custeando o aloxamento provisional das familias cuxos fogares rexistraran danos importantes ou abonando os arranxos neles.
Os beneficiarios poderán pedir o anticipo do 25 % da axuda e non terán que adiantar o importe das obras para percibir a subvención.
As axudas para financiar o aloxamento provisional das familias cuxas vivendas habituais resultaran danadas e nas que non poidan permanecer terán unha contía de ata 450 euros ao mes, máis unha achega adicional para formalizar o contrato de alugueiro cun máximo de 600 euros.
As subvencións dirixidas a sufragar a reparación dos danos nas vivendas e no seu equipamento contemplan contías que poderán acadar o 100% do valor do arranxo do inmoble, cando se trate da fogar habitual, ata 100.000 euros se se trata dunha unifamiliar e 80.000 se se atopa nun edificio colectivo.
No caso das vivendas non habituais, as axudas cubrirán ata o 40% do custo das reparacións ata un máximo de entre 30.000 e 40.000 euros aproximadamente, en función de que sexa unifamiliar ou edificio colectivo.
O Goberno galego tamén achegará axudas por danos causados en instalacións complementarias das vivendas e no equipamento doméstico. As subvencións terán os requisitos mínimos exixibles para a concesión de axudas públicas e cubrirán os honorarios de arquitectos e o asesoramento técnico.
- Te recomendamos -