O obxectivo da Consellería de Política Social é reducir o tempo de espera na resolución de solicitudes e para iso administración autonómica investirá máis dun millón de euros nos 14 novos equipos
A Xunta de Galicia vén de reforzar con dous novos equipos o servizo de valoración da discapacidade na provincia da Coruña, logo do pertinente proceso formativo do persoal que os integra e co obxectivo de reducir ao máximo os tempos de resposta nas solicitudes de valoración da discapacidade. En total, se incorporaron seis persoas para traballar con especial incidencia nas demarcacións da Coruña e de Ferrol. Estes dous novos equipos súmanse aos 12 que se puxeron en marcha tamén no resto da comunidade galega, concretamente seis en Pontevedra, catro en Vigo e Lugo e Ourense contan cun novo equipo cada unha delas. A iniciativa enmárcase nun paquete de medidas que o Goberno galego está a impulsar co obxectivo de simplificar os trámites e acelerar os tempos de resposta nas solicitudes de discapacidade. O seu orzamento supera o millón de euros.
Dentro do conxunto de medidas, ademais da creación de novos equipos que reforcen o persoal dos 19 EVOs xa existentes, estase a impulsar a Historia Social Única Electrónica de tal xeito que o persoal dos equipos de valoración e orientación teñan acceso ao historial clínico dos solicitantes. Deste xeito, simplificase o procedemento, evitando que os galegos e galegas teñan que achegar documentación á que se pode acceder de xeito dixital (sempre e cando o solicitante o autorice). Tamén se reduciu o cuestionario de catro páxinas a unha de xeito que resulte máis doado e rápido cubrilo.
Outra das medidas incorporadas é o servizo de confirmación e recordatorio de citas a través de SMS para evitar a non asistencia ás citas de valoración programadas e que estará operativo nos vindeiros días. Así mesmo, xa se está a levar a cabo a consideración de facto de persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% aquelas ás que a Seguridade Social teña recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez, e aos pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente. En definitiva, todas elas accións destinadas a acelerar ao máximo os tempos de resposta e simplificar os trámites como vía para mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas que presentan algún tipo de discapacidade.
Cómpre destacar que neste 2018, a Consellería de Política Social incrementou nun 10% os recursos económicos destinados a maiores e persoas con discapacidade, acadando os 414 millóns de euros. Un reforzo orzamentario que está a permitir afrontar a creación destes novos equipos de valoración, incrementar nun 5% os convenios de colaboración coas entidades que traballan neste ámbito, ampliar e estender os servizos da Rede galega de atención temperá ou consolidar a rede de prazas de atención sustentadas con fondos públicos entre outras medidas.
- Te recomendamos -