A Consellería de Economía, Emprego e Industria abre mañá o prazo para a presentación de solicitudes deste programa, que inclúe dúas convocatorias sucesivas
A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria do programa Galicia Emprende, que achegará axudas por valor de 3 millóns de euros coas que se prevé impulsar 80 proxectos de autónomos e emprendedores, xerando investimentos por 11 millóns de euros.
Como recollen as bases publicadas hoxe no DOG, durante este ano os emprendedores e autónomos interesados en solicitar as subvencións poderán facelo en calquera das dúas convocatorias sucesivas: desde mañá e ata o 27 de xullo e do 30 de xullo ao 25 de outubro. Poden acollerse proxectos promovidos en Galicia, tanto de nova creación como de consolidación de empresas durante os seus primeiros 42 meses de funcionamento.
Esta liña de apoio ao emprendemento, desenvolta polo Igape e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Económico, ten como obxectivo estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante a creación e fortalecemento de novas pemes. O importe dos investimentos apoiados está comprendido entre os 25.000 e os 500.000 euros e as axudas concedidas poderán cubrir ata o 30% dos mesmos no caso das pequenas empresas e ata o 20% no das medianas.
Co mesmo obxectivo pero focalizando a acción no ámbito rural, a Xunta vén desenvolvendo, tamén a través do Igape, o programa Galicia Rural Emprende, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas sobre o territorio. O orzamento destinado pola Xunta ao emprendemento en 2018 ao abeiro dos dous programas suma, como no ano anterior, 7,5 millóns de euros.
Ao abeiro destes programas, en 2017 o Goberno galego apoiou 162 proxectos empresariais de emprendedores que mobilizaron máis de 18 millóns de euros en novos investimentos e que levan asociada a creación e o mantemento de 385 postos de traballo. Os apoios ao emprendemento reforzáronse coa activación dos instrumentos financeiros emprendedores (IFIS), que se suman aos préstamos participativos ou o capital risco que vén ofrecendo Xesgalicia a través do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras.
- Te recomendamos -