Aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por un temporal costeiro que comezará esta madrugada e que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Lugo.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o nivel laranxa comenzará ás 6.00 da madrugada no litoral Noroeste e Oeste da Coruña, acompañado de vento do Suroeste forza 7 con posibilidades de forza 8. Co paso das horas o temporal ampliarase á zona Suroreste da Coruña, e, a media mañá, á costa de Lugo, tamén con vento do Suroeste forza 7 con posibilidades de forza 8. Está previsto que a alerta se desactive a primeiras horas do día 16.
Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestes contornos, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotor, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.
Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
- Te recomendamos -