Ethel Vázquez informa ao rexedor de Oleiros que a Xunta prevé iniciar o vindeiro mes de xuño as expropiacións da conexión da Vía Ártabra coa Ap-9 para, a continuacion, licitar as obras
A Xunta de Galicia acondicionará o firme da avenida de Rosalía de Castro de Oleiros, que pasará a ser de titularidade do Concello, que se encargará de mellorar as beirarrúas e renovar os servizos municipais. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde da localidade coruñesa, Ángel García Seoane, acordaron hoxe firmar un convenio de colaboración que permita actuar para a mellora desa vía.
En concreto, actuarase no treito da estrada autonómica AC-175, denominada avenida de Rosalía de Castro, entre a AC-12 e a glorieta coa rúa Areal, un treito de 540 metros que rexistra unha intensidade diaria de máis de 13.400 vehículos.
Na xuntanza, a conselleira comprometeuse tamén a atender a solicitude do Concello de executar unha senda na estrada AC-163, entre Lorbé e a rúa Golfiño, unha vez que se remate o itinerario peonil actualmente en execución no Concello de Oleiros, concretamente entre Montrove, O Carballo e As Pedreiras, mediante un investimento de 800.000 euros.
Xunto con isto, a Xunta financia con 600.000 euros as obras que está a executar o Concello de Oleiros para a construción dunha nova glorieta en Santa Cruz.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o alcalde de Oleiros abordaron tamén na xuntanza de hoxe o estado de tramitación da conexión da Vía Ártabra coa Ap-9. Ethel Vázquez informou de que a Xunta prevé iniciar o vindeiro mes de xuño o trámite expropiatorio para, a continuación proceder a licitar as obras.
- Te recomendamos -