Inicio Galicia A Xunta acometerá o vindeiro ano obras de rehabilitación integral no CPI...

A Xunta acometerá o vindeiro ano obras de rehabilitación integral no CPI Ramón Piñeiro de Láncara

0

O delegado territorial reuniuse co equipo directivo do centro para darlle a coñecer as obras e os prazos previstos Os traballos de cambio de carpintería de aluminio programados para este ano comezarán en agosto e supoñen un investimento de 20.000 euros 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acometerá no vindeiro ano 2019 unha reforma enerxética integral no CPI Ramón Piñeiro de Láncara. Así o deu a coñecer hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na xuntanza que mantivo con membros da comunidade educativa do centro para informalos sobre os traballos programados e os prazos previstos para a tramitación do proxecto. No encontro participaron o director do CPI, Carlos Carballo, e a xefa territorial da Consellería en Lugo, Mariña Gueimunde, entre outros.

A Xunta destinará un orzamento aproximado de 500.000 euros a financiar esta intervención, cuxo inicio está previsto para o verán do próximo ano. Balseiro explicou que se actuará sobre a fachada, as ventás e a iluminación do edificio. Na fachada instalarase un sistema de illamento térmico polo exterior, mentres que as ventás serán substituídas mediante a instalación dun dobre acristalamento con cámara de aire intermedia. Incluirase a renovación das caixas das persianas. Os traballos complementaranse coa colocación de illamento térmico no forxado do baixo cuberta.

No tocante á iluminación interior, as lámpadas existentes cambiaranse por equipos LED, con detectores de presenza en zonas comúns e equipos de regulación multisensor. Tamén se prevén posibles actuacións na instalación de calefacción para reducir o consumo de gasóleo.

Esta intervención enmárcase dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha no 2016 en toda Galicia. Na provincia de Lugo, oito centros educativos foron obxecto de actuacións dentro deste programa. En dous deles hai obras en marcha na actualidade, mentres que o vindeiro ano está previsto acometer outros dous proxectos de rehabilitación integral cun custo aproximado dun millón de euros.

A actuación no CPI Ramón Piñeiro contribuirá a acadar un maior aforro enerxético e funcionalidade neste centro, ao que a Consellería destinou nos últimos anos uns 245.000 € para financiar diversas melloras. Así, dende o 2009 colocáronse persianas de aluminio térmico, reformáronse aseos do ximnasio e do edificio principal e fixéronse arranxos na instalación eléctrica, entre outros. Este ano, a Xunta inviste 20.000 euros nas obras de cambio da carpintería de aluminio, cuxo inicio está previsto para principios de agosto. 


- Te recomendamos -