O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou o Castelo de Castrodouro, que foi conectado á rede de saneamento municipal con estas achegas
A Xunta destinou ao concello de Alfoz 100.500 euros para diversas obras e servizos de carácter medioambiental a través do Fondo de Compensación Ambiental que xestiona a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o Castelo de Castrodouro, que foi conectado á rede de saneamento municipal grazas a estas achegas. O monumento, coñecido tamén como a Fortaleza do mariscal Pardo de Cela, é un dos principais atractivos turísticos do municipio e funciona como punto de información, sala de exposición e museo. Durante a visita estivo acompañado polo alcalde, Jorge Val, entre outros.
O proxecto consistiu na construción da infraestrutura precisa para a recollida e canalización das augas residuais dende unha arqueta sobre a fosa séptica situada xunto ao monumento ata un pozo existente a uns 130 metros de distancia. Dado que o castelo é un Ben de Interese Cultural, foi preciso tamén realizar un control arqueolóxico das obras.
O concello destinou tamén o fondo de compensación á compra dunha retroescavadora e tres rozadoiras manuais para poder realizar traballos de protección do ambiente e do espazo natural, recuperando espazos degradados ou contaminados e actuando na prevención dos incendios forestais.
E por último, investiu parte da axuda en sufragar gastos de funcionamento do servizo municipal de recollida de lixo que comparte co Valadouro. En conxunto, o concello de Alfoz xustificou practicamente o 100 por cen da subvención concedida.
Balseiro explicou que con este programa a Consellería de Presidencia redistribúe os ingresos derivados do canon eólico para financiar obras e servizos municipais relacionados coa protección do ambiente e do espazo natural, sendo os principais beneficiarios os municipios afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación destes.
- Te recomendamos -