O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou o municipio, que é o máis beneficiado de Galicia na liña non competitiva polo Fondo de Compensación Ambiental en base ás instalacións eólicas que acolle
A Xunta de Galicia achegou 383.300 euros ao concello de Muras para a execución de diversas obras de infraestrutura e para reforzar os servizos municipais a través do Fondo de Compensación Ambiental que xestiona a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o municipio, que é o que percibe a contía máis alta de Galicia na liña non competitiva do fondo, en base ao número de aeroxeradores e á lonxitude das liñas de enerxía eólica que acolle no seu territorio. De feito, Muras é o concello de Galicia con maior número de aeroxeradores, con 381, e con máis de 30 quilómetros de lonxitude de liñas.
Novo punto limpo en IrixoaBalseiro visitou o punto limpo, que foi habilitado con estas axudas nunha parcela municipal na parroquia de Irixoa. Aproveitouse unha nave existente e construíuse outro espazo con módulos prefabricados, ademais de reforzar o valado do recinto e executar os accesos para entrada e saída de vehículos, unha zona de recepción e control, outra para descarga de residuos a nivel superior e finalmente un espazo para carga a nivel inferior.
Mellora xeral da iluminación públicaO Fondo de Compensación tamén financiou un proxecto de mellora de eficiencia enerxética que supuxo a reforma e ampliación da iluminación pública en núcleos rurais do municipio, utilizando luminarias tipo LED. En concreto actuouse en case un centenar de puntos en seis parroquias do municipio: Balsa, San Pedro de Muras, O Viveiró, O Burgo, Irixoa e Silán e máis de 50 núcleosRede de abastecemento de augaIgualmente, melloráronse os sistemas de desinfección na rede de abastecemento , construíndo o sistema para dotar de cloración ás augas de consumo humano da localidade. O sistema de desinfección conectouse á tubaxe de entrada de auga nos depósitos dentro das arquetas, para logo ubicar os elementos de desinfección e paneis solares de subministro eléctrico xunto aos depósitos xerais da auga.
Adquisición dunha desbrozadoraO concello tamén adquiriu unha desbrozadora lateral para complementar o equipamento destinado á limpeza de vías e espazos naturais. Por outra banda, parte das achegas foron destinadas a contribuír cos gastos de persoal de varios servizos municipais.
Balseiro subliñou que o Fondo de Compensación Ambiental é unha vía de colaboración do Goberno galego cos concellos que impulsa o reequilibrio territorial, ao favorecer especialmente aos concellos rurais, que son os que teñen maior número de instalacións eólicas no seu territorio.
- Te recomendamos -