O concello entra a formar parte dos municipios colaboradores co plan de vixilancia e control da vespa velutina, que chegan aos 116 dos que 25 pertencen á provincia de Ourense
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, entregou esta mañá ao concello de Boborás dous equipos de protección individual e unha pértega para a loita contra a vespa velutina, material cedido pola Consellería do Medio Rural, logo de adherirse como concello colaborador ao Plan de vixilancia e control que puxo en marcha a Xunta de Galicia.
Coa incorporación de Boborás, o plan pasa a contar con 116 municipios que colaboran coa Administración autonómica na retirada dos niños deste insecto invasor, que non é máis perigoso que a vespa autóctona. Por iso, a Xunta de Galicia pide que non se cree unha alarma social innecesaria e lembra que, no caso de localizar un niño, non se deben achegar a el senón que hai que chamar ao teléfono gratuíto 012 para que os especialistas poidan actuar.
A provincia ourensá conta con 25 concellos adheridos ao Plan de vixilancia e control da vespa velutina: Allariz, Baños de Molgas, Barbadás, O Carballiño, Castrelo de Miño, Coles, Cortegada, Chandrexa de Queixa, O Irixo, Maceda, Manzaneda, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Parada de Sil, A Peroxa, Pobra de Trives, Rairiz de Veiga, Riós, A Rúa, San Cristobo de Cea, Sandiás, Toén, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.
Ademais dos concellos colaboradores, participan nos labores de retirada de niños os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, que en Ourense están adscritos aos concellos de Avión, Barco de Valdeorras, Castro Caldelas, Celanova, A Gudiña, Laza, Lobios, Muíños, Pereiro de Aguiar e Ribadavia, así como persoal da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e da Consellería do Medio Rural.
Dende que os concellos colaboradores e as unidades de emerxencias se incorporaron ao plan, no ano 2016, a Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega de Emerxencias distribuíron ás diferentes unidades actuantes un total de 512 equipos de protección individual e 156 pértegas para acadar aos niños en altura. Ademais, a Consellería do Medio Rural distribuíu aos apicultores 13.267 trampas aos apicultores, coas correspondentes doses de líquido atraente, e a maiores 5.404 botes de líquido atraente de 500 ml dunha marca comercial, e 40.782 monodoses de atraente doutra marca comercial.
Este reparto de material forma parte do Plan de vixilancia e control da vespa velutina que elaborou a Xunta de Galicia, no que participan a Consellería do Medio Rural, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (a través dos grupos de emerxencia supramunicipais GES, e outras unidades de emerxencias, cando así se cualifican os avisos), e un total de 116 concellos (incluído o de Boborás), representados pola FEGAMP na Comisión de seguimento creada ao efecto.
O dito plan compleméntase coa formación do persoal das unidades participantes. Ata o momento, a Xunta de Galicia organizou 33 cursos para este persoal, ao que asistiron 1.229 técnicos.
A nivel Galicia, durante o ano 2017 retiráronse ou inactiváronse 23.676 niños. Deste total, 14.493 foron na provincia da Coruña, 6.121 na de Pontevedra, seguida da de Lugo con 2.433 e finalmente Ourense con 629 niños. No que levamos do ano 2018, a través deste plan retiráronse ou inactiváronse 9.693 niños: 5.656 en A Coruña, 696 en Lugo, 761 en Ourense e 2.580 en Pontevedra.
- Te recomendamos -