Inicio Galicia A Xunta achega a través do Fondo de Compensación Ambiental preto de...

A Xunta achega a través do Fondo de Compensación Ambiental preto de 89.000 euros para o acondicionamento do punto limpo da Fonsagrada

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salienta que esta axuda permitirá acoller aparellos voluminosos e distintos electrodomésticos para o seu posterior tratamentos por xestores autorizados

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, vén de destinar unha achega de preto de 89.000 euros para o acondicionamento do Punto Limpo da Fonsagrada.

Este apoio económico, que forma parte da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, permitirá acondicionar este espazo para acoller aparellos voluminosos e distintos electrodomésticos tales como televisores, microondas para o seu posterior tratamento por xestores de residuos autorizados.

Do mesmo xeito tamén está previsto instalar un pequeno depósito de aceites na nave-almacén, especialmente destinado para os procedentes de vehículos agrícolas.

O emprazamento desta instalación será nunha parcela de 5.342 metros cadrados na zona de Tallos Donas. Para poder acoller esta instalación é preciso que unha parte da parcela sexa chá para o que se proxecta unha explanación e un muro de contención de terras, esta explanación será a base formigón e permitirá o acceso de camións para a carga dos residuos.

A solución proposta permitirá mellorar tanto a comodidade na entrega de residuos como a posterior recollida por xestor autorizado en condicións de seguridade e salubridade.

Oito anos beneficiando aos concellosO Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.

Ademais, este Fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.


- Te recomendamos -