Inicio Galicia A Xunta achega 15.800 euros ao Concello de Viveiro para a creación...

A Xunta achega 15.800 euros ao Concello de Viveiro para a creación dun espazo de aparcadoiro de autocaravanas

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, destacou que Turismo de Galicia impulsa os servizos turísticos do municipio co financiamento desta actuación

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comunicou que Turismo de Galicia concedeu ao Concello de Viveiro unha axuda de 15.847,98 euros para financiar o 60% do custo total do proxecto de creación dunha zona de aparcadoiro de autocaravanas nas proximidades do polideportivo municipal.

Esta achega enmárcase dentro da liña de axudas de Turismo de Galicia a entidades locais dirixidas ao fomento da accesibilidade e sinalización no medio rural. O delegado subliñou que deste xeito a Xunta contribúe a impulsar os servizos turísticos deste municipio da costa lucense.

O emprazamento deste espazo de estacionamento será a explanada fronte ao polideportivo municipal, na avenida Martín Ledesma do concello mariñán. Trátase dunha zona próxima ao cámping municipal, á praia de Covas e ao casco histórico de Viveiro, isto é, tres espazos destacados da cidade que ao longo de todo o ano reciben moitos visitantes.

A achega permitirá ofrecer un servizo moi valorado polos usuarios desta modalidade de vacacional con autocaravanas que chegan periodicamente ao concello, e as obras están dirixidas a proporcionar distintos servizos como auga, tomas de electricidade e saneamento nas zonas de estacionamento delimitadas.

Este programa de subvencións de Turismo de Galicia está orientado a mellorar a accesibilidade e a sinalización de recursos como miradoiros e espazos de interese paisaxístico, praias, encoros, fervenzas, bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, sendeiros e rutas e outras infraestruturas de interese turístico.

Segundo destacou Balseiro, as axudas teñen por obxecto “consolidar a oferta turística nos municipios rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”.


- Te recomendamos -