Inicio Galicia A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas para a promoción...

A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas para a promoción da autonomía persoal, cuxo orzamento crece preto dun 20%

0

Subvenciona servizos como asistencia persoal, servizos de rehabilitación ou de estimulación, atención temperá ou transporte adaptado e asistido


A Xunta de Galicia abriu desde onte e durante un mes o prazo de solicitude das axudas para a promoción da autonomía persoal de persoas con discapacidade. Destínanse a ela máis de 375.000 euros, o que supón un incremento de preto do 20%. Esta convocatoria está cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE) a través do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

A través desta orde, subvenciónanse servizos necesarios para garantir que as persoas con discapacidade poidan levar unha vida o máis autónoma posible, como por exemplo asistencia persoal, servizos de rehabilitación ou de estimulación, atención temperá ou transporte adaptado e asistido. Poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro da actual anualidade.

Ademais do reforzo orzamentario da orde, as principais novidades en comparación coa do ano pasado son a simplificación do procedemento de concesión e xustificación da achega para facela máis accesible e o feito de que nesta nova convocatoria se facilita a concesión de axudas a persoas con discapacidade recoñecida que presenten menos recursos económicos e non sexan atendidas pola administración pública.

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas que reúnan os seguintes requisitos: residir en Galicia, ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e dispoñer dunha renda per cápita da unidade familiar de convivencia que non supere o 300% do Iprem mensual. Así mesmo, será condición indispensable para poder optar á axuda que a entidade, profesional ou persoa autónoma que preste o servizo figure inscrita no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (Ruepss) ou nun rexistro equivalente no resto de España. 


- Te recomendamos -