Inicio Galicia A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas específicas para a...

A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas específicas para a contratación indefinida de mulleres desempregadas

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar esta convocatoria á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 1,5M€


Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2018.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o programa de axudas específico para a contratación indefinida de mulleres desempregadas ao que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 1,5 millóns de euros para que preto de 200 mulleres poidan atopar un traballo de calidade. Con esta actuación estímase apoiar a súa inserción laboral a través de 150 empresas.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes rematará o 30 de setembro de 2018. As solicitudes polas contratacións subvencionables realizadas entre 1 de xaneiro 2018 e a data da publicación desta orde (o 27 de xuño) deberán presentarse no prazo de dous meses, é dicir, ata o 27 de agosto.

Inclúense dous tipos de axuda compatibles: un bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha axuda para os contratos indefinidos iniciais realizados con mulleres desempregadas; e un bono de formación (opcional) dirixido ás mulleres contratadas por medio desta orde para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Os dous tipos de axudas suman 8000 euros: o bono de contratación será de 7000 euros e o de formación de 1000 euros.

No caso dos apoios á contratación, o bono de 7000 euros incrementarase nun 25% para as mulleres maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou no caso de que o centro de traballo estea emprazado no rural. Son supostos acumulables entre si, polo que a axuda máxima deste programa, tendo tamén en conta o bono formativo, pode chegar a 13.250 euros por muller contratada.

A acción formativa, pola súa banda, deberá ter lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e dentro da xornada laboral establecida no dito contrato.

O obxectivo desta nova iniciativa é dar resposta ás dificultades que atopa o colectivo feminino na súa inserción e permanencia no mercado de traballo. Ademais, para loitar contra a desigualdade laboral, as mulleres contan con preferencia nos diferentes plans de formación e mellora da empregabilidade da Xunta, dispoñendo dun 25% máis de axuda nos incentivos á contratación.

Así mesmo, a Administración autonómica está a desenvolver o plan Emprega en feminino, no que se enmarca este programa, e que constitúe a planificación do Goberno galego para impulsar o papel da muller no mercado de traballo. 


- Te recomendamos -