A nova convocatoria, que abrangue este ano e o vindeiro, conta cun orzamento superior aos 6 millóns de euros, incrementándose nun 15% con respecto á convocatoria anterior
Santiago, 3 de agosto de 2018.- A Xunta de Galicia abre maña e durante un mes o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á nova convocatoria de subvencións para o investimento en centros de inclusión e emerxencia social e de programas a desenvolver polas corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a orde que regula a concesión destas axudas.
A convocatoria conta cun crédito plurianual superior ao 6,3 millóns de euros dirixido a subvencionar programas, actividades, servizos e investimentos para o período comprendido entre o pasado día 1 deste mes de xullo e o 31 de outubro de 2019 e que conta con financiamento por parte do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo Social Europeo.
Do orzamento total, 2,5 millóns corresponden a este ano 2018 e os 3,8 restantes a 2019. Esta é a quinta convocatoria consecutiva en que aumenta a contía do crédito dispoñible para a concesión destas axudas ás entidades locais, incrementándose en máis dun 15% con respecto á anterior convocatoria, que foi a dos exercicios 2017-2018 e ascendeu a 5,5 millóns de euros. Serán subvencionables os programas desenvolvidos polas corporacións municipais para a inclusión sociolaboral da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión. Ademais, a orde inclúe unha liña específica para financiar programas complementarios de educación e apoio familiar destinados á inclusión social dos menores, así como outra dirixida ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social.
Máis polo miúdo, as bases da convocatoria establecen que as actividades financiadas deberán ter como finalidade que as persoas beneficiarias adquiran habilidades, destrezas, formación básica e de tipo laboral específica, como é a preparación para a avaliación das competencias clave esixibles para o acceso a unha formación e cualificación profesional;e que tamén son susceptibles de recibir achega as accións de mediación intercultural ou de carácter residencial. Igualmente, poderanse subvencionar programas que teñan como obxecto que as familias adquiran competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas. E, así mesmo, a orde incorpora a posibilidade de destinar axudas tanto a construír ou mellorar centros de inclusión ou emerxencia social como a adquirir inmobles, equipamento, moblaxe e vehículos de transporte vinculados á prestación dos servizos propios do centro.
Cómpre indicar que esta orde de axudas enmárcase na Estratexia para a Inclusión Social de Galicia 2014-2020, na que se dá unha énfase especial aos procesos vinculados á inclusión social das persoas que son usuarias dos servizos sociocomunitarios dos concellos. Ademais de garantir a atención ás persoas e grupos de poboación máis desfavorecidos e con maior risco de desprotección social, con esta medida a Xunta tamén presta o seu apoio ás entidades locais, dotándoas co orzamento necesario para que poidan desenvolver actuacións orientadas a acadar a inclusión social e mellorar a calidade de vida das persoas e colectivos máis vulnerables.
No que respecta á comparación cuantitativa das distintas convocatorias, o orzamento das axudas contempladas nesta orde incrementouse de maneira importante desde 2013, ano no que por primeira vez se realizou unha convocatoria conxunta de todas as liñas de axuda pertencentes ao ámbito da inclusión social. Así, en 2013 destinouse a esta orde un crédito de 1,3 millóns de euros fronte os 6,3 desta nova convocatoria. Este reforzo económico traduciuse nun aumento tanto dos concellos, agrupacións e mancomunidades beneficiarias como dos programas concedidos, pasando das 32 entidades locais que recibiron achega en 2013 para un total de 51 programas ás 46 que tiveron axuda na anterior convocatoria de 2017-2018 para o desenvolvemento de 74 programas de inclusión.
- Te recomendamos -