A convocatoria conta cun crédito de 625.000 euros dirixidos a subvencionar tanto a realización de obras menores como a adquisición de novo equipamento e material didáctico
A Xunta de Galicia abre mañá e durante un mes o prazo de presentación de solicitudes ás entidades de iniciativa social que presten o servizo de acollemento residencial ou atención de día a menores baixo a protección da Administración autonómica para acollerse a nova convocatoria de axudas para mellorar os centros nos que realizan esta prestación, así como completar o equipamento e os recursos educativos dos que dispoñen. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica hoxe a orde que regula o procedemento de concesión destas subvencións que se tramitará en réxime de concorrencia competitiva.
A convocatoria conta cun crédito de 625.000 euros, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Deste montante total, 425.000 euros destinaranse a subvencionar obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de protección de menores, así como obras novas que melloren a accesibilidade e doten ao edificio de servizos necesarios.
A partida económica restante de 200.000 euros diríxese a adquisición e mellora do equipamento, incluída a compra de mobiliario interior e exterior, de material didáctico e de xogo, e de vehículos de transporte. Tamén serán subvencionables os gastos derivados de dotar ao centro de conexión a internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías no centro como ordenadores, módems, impresoras, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares, comunicacións como acceso a redes e software.
Os proxectos ou actuacións obxecto de subvención deberán estar comprendidos ente o pasado 1 de xaneiro e o vindeiro 30 de novembro do presente exercicio 2018. Financiarase ata o 100% do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras menores e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e á integración das novas tecnoloxías na aula.
- Te recomendamos -