A localidade presenta unha excelente ratio de atención á infancia e no ámbito do coidado a persoas maiores a Xunta oferta máis de 9500 horas anuais de Servizo de Axuda no Fogar
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, proseguiu hoxe coa rolda de encontros con alcaldes e alcaldesas de Galicia para afondar nas liñas de colaboración entre a Administración autonómica e as locais cunha xuntanza co primeiro edil do concello da Peroxa, Manuel Seoane Rodríguez. A cita, que se desenvolveu no despacho do conselleiro en San Caetano, permitiu abordar a posibilidade de poñer en marcha novas liñas de colaboración neste eido co obxectivo de “mellorar o benestar dos galegos e das galegas, principalmente, daqueles que máis o precisan”, afirmaba Rey Varela ao remate da xuntanza.
Así as cousas e no que respecta á área de familia e infancia, ambos mandatarios coincidiron en subliñar a excelente ratio de atención que presenta o concello ourensán, grazas ao servizo que presta o Punto de Atención á Infancia (PAI) municipal e para o que a Xunta de Galicia achega cada ano 9.000 eurosAsí mesmo, no ámbito do coidado ás persoas maiores, a Consellería de Política Social oferta 9516 horas anuais para o Servizo de Axuda no Fogar que permiten que a ratio de cobertura se sitúe no 99,7%. Ao fío disto, Rey Varela e Seoane Rodríguez puxeron enriba da mesa a posibilidade de ampliar a colaboración das dúas institucións co fin de mellorar os recursos asistenciais que se ofertan para os veciños e veciñas da Peroxa, unha posibilidade que se comprometeron a analizar.
- Te recomendamos -