O Goberno galego empeza a executar o acordo asinado o pasado mes de marzo entre o Ministerio de Facenda e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF
A Xunta de Galicia aboará xa na nómina do mes de xullo unha suba salarial do 1,5% aos seus empregados públicos, unha vez que os Orzamentos Xerais do Estado entraron en vigor e permiten ás administracións aplicar este incremento. Ademais, na nómina de xullo incluirase tamén un pago adicional duns 250 euros correspondente á aplicación desta suba salarial entre os meses de xaneiro e xullo, dado que a medida ten carácter retroactivo e ten efectos desde o 1 de xaneiro, tal como establece o acordo para a mellora do emprego público asinado o pasado mes de marzo entre o Ministerio de Facenda e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF.
A Consellería de Facenda publicará a vindeira semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2018, coa que se actualizan con efectos do 1 de xaneiro as contías das retribucións, que experimentan un incremento do 1,5%.
O incremento retributivo farase efectivo -de acordo coa instrución que se publicará no DOG- nas nóminas que se aboen aos empregados públicos a partires deste mes de xullo. Dado que esta suba salarial ten carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2018, tamén se aboará un pago adicional duns 250 euros por traballador que se corresponde cos atrasos devindicados desde esta mesma data.
A mellora retributiva quedará consolidada nos salarios dos traballadores. En todo caso, o Goberno galego non terá que impulsar ningún cambio lexislativo para aplicar esta suba salarial, dado que xa preveu este incremento no momento da elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para o actual exercicio 2018.
Suba salarial para 100.000 traballadoresA Xunta prevé que uns 100.000 traballadores galegos van percibir este mes a mellora nas súas retribucións. Nesta cifra están incluídos os máis de 87.000 empregados que traballan nos servizos públicos autonómicos: consellerías, hospitais, centros de saúde, centros de ensino ou centros de servizos sociais, entre outros. Tamén alcanzará ao persoal que traballan nas tres universidades públicas e nos centros de ensino concertado.
A nivel provincial, o incremento das retribucións beneficiará a uns 37.500 empregados públicos da provincia da Coruña, a uns 12.300 traballadores na de Lugo, a máis de 11.000 na de Ourense e a preto de 26.500 traballadores na provincia de Pontevedra. A todos eles súmase o persoal das universidades e do ensino concertado nas catro provincias.
A suba do 0,25% restanteO acordo asinado en marzo entre o Ministerio de Facenda e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF establece unha suba salarial para o ano 2018, produto da suma dun 1,5% fixo e un 0,25% variable, este último con efectos de un de xullo. Esta última porcentaxe está condicionada ao cumprimento por parte do Reino de España do obxectivo de evolución do PIB correspondente ao exercicio anterior. A Xunta aplicará xa na nómina de xullo un incremento salarial do 1,5%, pero o 0,25% restante non se pode aplicar ata que o Goberno do Estado acorde e dea traslado ás Comunidades Autónomas do devandito acordo no que se determine o cumprimento do obxectivo antes mencionado, segundo establece o documento subscrito en marzo de 2018 entre o Goberno de España e as organizacións sindicais.
- Te recomendamos -