Inicio Galicia A Xunta, a Fegamp e as catro deputacións intensifican a súa coordinación...

A Xunta, a Fegamp e as catro deputacións intensifican a súa coordinación na loita contra a vespa velutina

0

Os representantes das deputacións incorporaranse á Comisión de Seguimento que aborda as zonas e grupos de intervención, a adquisición de material ou a formación


Santiago de Compostela, 23 de maio de 2018.- A Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as catro deputacións provinciais intensificaron hoxe a súa coordinación na loita contra a vespa velutina. Así, os representantes das institucións provinciais incorporaranse a Comisión de Seguimento que aborda as zonas e grupos de intervención, a adquisición de material para a súa erradicación, a formación dos efectivos que interveñen e a investigación.

Por parte da Xunta de Galicia, participaron no encontro o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor; a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz.

Na reunión incidiuse na necesidade de mandar unha mensaxe única á cidadanía que recorde que a velutina non é máis perigosa para o home que outros tipos de vespas e na elaboración dun protocolo que aborde o trampeo e sexa aplicado por todas as administracións.

No que atinxe ao campo da investigación, cómpre recordar que a Consellería de Medio Ambiente asinou no ano 2017 un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo por importe de 50.000 euros. O obxecto do citado convenio foi o estudo do comportamento, hábitat e impacto nos ecosistemas da velutina para a mellora dos métodos de control existentes. A sinatura deste convenio supuxo un primeiro paso para o establecemento dunha actuación conxunta e coordinada en materia de investigación desta especie invasora.

Na reunión de coordinación celebrada hoxe, as deputacións da Coruña e Pontevedra informaron da sinatura de convenios de investigación nesta mesma materia coa USC. En liña co anterior, acordouse compartir os resultados de todas as liñas de investigación abertas, co fin de fortalecer as sinerxias entre as distintas Administracións e a comunidade científica, o que permitirá avanzar na loita contra a velutina.

No que vai de ano, ata o 15 de maio, retiráronse 1.422 niños desta vespa en toda Galicia: 826 na provincia da Coruña, 437 na de Pontevedra, 105 na de Ourense e 54 na de Lugo. 


- Te recomendamos -