O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do padroado da Fundación Semana Verde, onde puxo en valor que 2018 será o quinto ano consecutivo sen que se rexistren perdas
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do padroado da Fundación Semana Verde, que tivo como obxectivo principal aprobar as contas do 2017, facer un peche provisional das de 2018 e analizar o orzamento do vindeiro exercicio.
A Fundación presentou de novo unhas contas equilibradas, de xeito que se prevé que este ano en curso volva rematar sen perdas por quinto ano consecutivo. Pola parte da Xunta, a Administración autonómica volve manter o seu compromiso activo coa comarca e o recinto aportando case un millón de euros, tendo en conta as achegas directas, subvencións, colaboracións e participacións en feirasDe cara ao 2019, prévese un orzamento similar ao dos anos anteriores, no que se manteña de novo o equilibrio de ingresos e gastos e dotado cuns dous millóns de euros.
Por outra parte, a Fundación conseguiu suscitar o interese doutra gran empresa galega. Así, na reunión de hoxe, deuse a benvida como novo patrón-patrocinador a R, que xa viña colaborando de forma habitual co recinto.
Balance do 2018Cómpre poñer en valor, ademais, que a Fundación volveu presentar unhas contas equilibradas no mesmo ano no que bateu un récord histórico de eventos: un total de 25, dos que só 4 eran oposicións. Ademais da cantidade, foi destacable tamén a calidade, en tanto que dez destes eventos foron de carácter novidoso, o que dá unha boa mostra da aposta pola diversificación e apertura do recinto.
Entre outros fitos do 2018, poderíanse destacar a clásica Semana Verde, que incrementou superficie expositiva, expositores e asistentes; a Central Agropecuaria, que subiu por cuarto ano consecutivo o número de animais e transacións económicas; a renovación, por catro anos máis, do patrocinio con Abanca; e a sinatura do contrato con Exponor, de Oporto, exemplo de cooperación transfronteiriza e que xa está dando os seus froitos co incremento en máis dun 60% da presenza de empresas portuguesas na Feira Abanca Semana Verde e de máis do dobre na Feira da Enerxía.
O obxectivo para 2019 é seguir consolidando este modelo, e conseguir, entre outros logros, que comece a funcionar o Museo da Fundación do Campo Galego. En definitiva, a liña marcada é continuar mantendo as orixes da feira, os seus sinais de identidade e seguir incrementando e diversificando a súa actividade.
- Te recomendamos -