A programación en cuestión centrarase naqueles deportes que teñan un seguimento minoritario ou que carezan da visibilidade dos deportes maioritarios, poñendo o acento no deporte feminino, base e nos deportes tradicionais e minoritarios, así como naqueles eventos deportivos considerados de importancia para a sociedade
A Secretaría Xeral para o Deporte vén de asinar na mañá de hoxe un convenio de colaboración coa Corporación Radio Televisión de Galicia a través do que as dúas entidades colaborarán no fomento do deporte base, do deporte feminino e daqueles deportes alternativos ou minoritarios. Deste xeito, a CRTVG desenvolverá unha programación específica que será emitida polas canles da TVG, TVG2, Radio Galega e por crtvg.gal. A programación en cuestión centrarase naqueles deportes que teñan un seguimento minoritario ou que carezan da visibilidade dos deportes maioritarios, poñendo o acento no deporte feminino, base e nos deportes tradicionais e minoritarios, así como naqueles eventos deportivos considerados de importancia para a sociedade. O convenio foi asinado na sede de San Marcos da CRTVG pola secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, xunto ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo.
Intres antes da sinatura do convenio, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asegurou que este acordo “é unha excelente nova para afondar na divulgación, na difusión e na información actualizada sobre as competicións e actividades deses deportes que teñen menor presenza mediática, nomeadamente o deporte base, o deporte feminino e os deportes minoritarios ou alternativos”.
Deste xeito, dixo a responsable do Deporte galego, estes tres eidos “estarán perfectamente visibles en todas as canles da CRTVG e chegarán a todos os fogares galegos pezas informativas de calidade nas que se mostrará a verdadeira realidade de todo o deporte que se practica en Galicia”. Neste sentido apuntou a importancia que supón a “mobilización de todo o colectivo do deporte galego ao redor desta nova ferramenta que axudará ao noso deber irrenunciable de construír unha sociedade máis activa e saudable, pero tamén mellor informada”.
Canle web e pezas informativasAo abeiro do convenio crearase unha canle web colaborativa e específica para o tratamento informativo de deportes de base, deporte feminino e alternativos que ten como obxectivo a difusión a través de soportes dixitais de información e retransmisións relacionadas con estes deportes. A nova canle web fundamentarase na narración multimedia e busca adaptar os contidos ás posibilidades tecnolóxicas que permite o entorno web. Os usuarios da plataforma poderán acceder ao servizo a través dun sistema de validación que lles permitirá tanto a publicación como a visualización dos contidos, segundo as correspondentes autorizacións. Os responsables da xeración dos contidos serán os propios clubs, entidades e federacións, mentres que o público xeral terá acceso libre e gratuíto ás emisións realizadas a través das plataformas da CRTVG.
A devandita canle permitirá a publicación de mensaxes, fotografías e vídeos, un repositorio público de contidos audiovisuais elaborados polos usuarios e a integración dos contidos producidos pola CRTVG sobre os deportes obxecto deste convenio, un soporte de directo que permita a retransmisión en streaming de acontecementos relacionados co obxecto do convenio e unha plataforma que recolla resultados deportivos de competicións de base, deporte feminino e alternativos. Ademais, o proxecto contará cun deseño responsive que garanta a mellor adaptación da canle a calquera plataforma.
Ademais, a CRTVG ocuparase da produción e emisión de pezas especializadas en deportes de base, feminino e alternativos que recollerán a actualidade xerada ao redor de competicións, equipos, deportistas e asociacións deportivas que organicen e practiquen estes deportes. As pezas informativas, que contarán co asesoramento e apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, serán emitidas fundamentalmente nos programas deportivos da TVG, TVG2 e Radio Galega así como en crtvg.gal.
Cómpre lembrar que a CRTVG é un ente público que presta un servizo a través do que difunde os temas de actualidade e interese para a sociedade galega. Polo seu alto grao de audiencia e a súa raizame na sociedade galega, a CRTVG é o medio idóneo para impulsar todos estes aspectos relacionados co deporte base, o deporte feminino e os deportes alternativos co obxectivo de que cheguen aos galegos e galegas. A CRTVG ten o deber, como servizo público que é, de dar a coñecer a promover entre a súa audiencia a divulgación de programas mediante os que se acade unha formación integral dos galegos e galegas na importancia que teñen os hábitos de vida saudables e a práctica deportiva.
- Te recomendamos -