As medidas de fomento do retorno duplícanse ata os 3 millóns de euros, principalmente destinados a unha liña de axudas para retornados con fillos menores de idade e á oficina integral de retorno O Goberno galego consolida en 2019 o incremento do 25 % aplicado o pasado exercicio para axudas económicas individuais para galegos sen recursos residentes no exterior
A Secretaría Xeral da Emigración vén de incrementar o seu orzamento un 18,6 % para o exercicio 2019 ata superar os 12,4 millóns de euros, aumento que se engade ao experimentado no 2018, que ascendía a case un 20 % respecto ao de 2017. As políticas directas de retorno e emigración, unha vez descontados os gastos de persoal, que unicamente medran o 2,13 % fixado pola previsión de crecemento do IPC, crecen por riba do 22 %. Suma, así, este departamento do Executivo galego unha suba de case o 50 % nos últimos tres anos, medida coa que o Goberno galego amosa a súa firme aposta pola atención dos maiores galegos residentes no exterior e o fomento do retorno.
Son precisamente estas últimas, recollidas na Estratexia Retorna 2020, as que experimentarán un maior incremento, duplicándose de cara o 2019 de 1,6 a 3,2 millóns de euros. A suba, que permitirá investir nos tres principais programas da Secretaría Xeral da Emigración deseñados para atraer á comunidade de poboación galega residente no exterior un total de máis de tres millóns de euros, pretende paliar a crecente demanda de axudas extraordinarias para emigrantes retornados, que pasan dos 550.000 euros deste ano aos 1,75 millóns previstos para o vindeiro. Tamén as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que aumentarán o seu número de prazas nun 50 % para fixalas en 150, en lugar das 100 actuais, se beneficiarán deste aumento do orzamento. O investimento nas axudas para que os mellores expedientes académicos do exterior regresen a Galicia para facer un mestrado nunha das tres universidades públicas galegas pasará, deste xeito, dos 860.625 euros de 2018 aos 1.110.625 do vindeiro.
Oficina integral de atención ao retornadoOs orzamentos previstos polo Goberno galego para a Secretaría Xeral da Emigración tamén pretenden satisfacer con este incremento a demanda de creación dunha Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, integrada por técnicos especialistas na materia e que disporá dun investimento de 130.000 euros para o seu primeiro ano de funcionamento. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer aos emigrantes galegos e aos seus descendentes retornados un apoio continuo, tanto presencial como virtual, e dotalos de ferramentas que os axuden a integrarse tanto persoal como profesionalmente na comunidade autónoma galega.
Tamén as axudas económicas individuais, dirixidas a galegos maiores de 65 anos sen recursos residentes no estranxeiro, consolidan o aumento do 25 % aplicado nos orzamentos para 2018. Os destinatarios destas axudas contarán cun total de máis de 2.673.000 millóns de euros, que se distribúen nun único pago de xeito anual en función das necesidades e da situación persoal de cada beneficiario. Os galegos de Venezuela e Cuba volverán contar este exercicio cunha partida especialmente reservada para axudar a cubrir as súas necesidades básicas.
Reforzo dunha tendencia migratoriaEstes orzamentos reflicten o esforzo da Xunta de Galicia por favorecer a tendencia migratoria que está a experimentar nos últimos anos Galicia, e que apuntan a un incremento do retorno á comunidade, que o ano pasado duplicou o seu saldo migratorio, que medrou de 3.025 persoas en 2016 a 6.683 en 2017. Galicia ten, de feito, o maior saldo migratorio de españois co exterior de toda España, é dicir, foi a comunidade autónoma que gañou máis poboación con nacionalidade española procedente do estranxeiro o ano pasado, con 1.942 persoas só en 2017. Só tres comunidades autónomas lograron saldo positivo o ano pasado, e Galicia as lidera. E é, ademais, a terceira con maior saldo migratorio co exterior de mozos españois de entre 20 e 24 anos, só por detrás de Madrid e Canarias.
Tamén o regreso de galegos residentes no exterior está a beneficiarse dun incremento de poboación fundamental para superar o reto demográfico que está a afrontar a comunidade. só en 2017 volveron a Galicia, 6.202, o que supón un incremento dun 21 % respecto aos datos de 2016 e de case o dobre que en 2009. No último exercicio retornaron á comunidade 1.077 galegos máis ca en 2016, principalmente de América e Europa.
Do total de retornados o ano pasado, o 78 %, é dicir, 4.865, teñen menos de 65 anos, e só o 21,56 %, 1.337, son maiores. Máis da metade dos galegos que regresaron á comunidade, 3.225, son menores de 45 anos, e a franxa de idade máis numerosa é a de menores de 16 anos, con 998 rapaces de volta en Galicia.
- Te recomendamos -