A exposición, que se desenvolverá ata o vindeiro 20 de decembro, está composta por 34 pezas elaboradas por un grupo de dez esmaltadoras
A planta baixa da Delegación Territorial da Xunta en Vigo acollerá ata o vindeiro 20 de decembro a exposición “Esmalte al Fuego” do Centro Sociocomunitario Riveira Atienza de Vigo. Unha mostra que este mediodía era inaugurada polo delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, quen aproveitou a ocasión para salientar o potencial, a creatividade e a sensibilidade das artistas.
A mostra está composta por 34 pezas, elaboradas por un grupo de dez esmaltadoras, nas que predominan as paisaxes e as figuras. Esta exposición súmase así ás múltiples mostras de artistas e colectivos que xa se realizaron na planta baixa do edificio administrativo do Goberno galego, así coma aos cursos e xornadas que se desenvolven no salón de actos ou a organización de actividades culturais e mesas solidarias coma as de DOA ou a AECC, entre outras. Sempre co obxectivo de abrir o edificio administrativo á participación dos cidadáns.
Cómpre lembrar ademais que as instalacións da Delegación Territorial –o salón de actos e a zona de exposicións- están dispoñibles para que todos os colectivos e asociacións parroquiais da cidade acheguen as súas actividades culturais e sociais aos cidadáns, co obxectivo de que transcendan máis aló do seu propio ámbito parroquial e todos os vigueses e viguesas poidan coñecelas.
- Te recomendamos -