Inicio Galicia A rede de escolas infantís da Galiña Azul e os centros de...

A rede de escolas infantís da Galiña Azul e os centros de maiores súmanse á campaña da Xunta polo Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero

0

Nenas e nenos, maiores, profesionais e familias levaron a cabo actividades nos centros para expresar o rexeitamento a esa lacra e a aposta polo respecto mutuo


As escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos da rede autonómica A Galiña Azul e os centros para a atención aos maiores da Consellería de Política Social sumáronse durante esta semana á campaña institucional da Xunta de Galicia co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se conmemora mañá, domingo 25 de novembro.

Nenos e nenas, maiores, profesionais e familias das escolas da Galiña Azul e dos centros de día, residencias e vivendas comunitarias, participaron en diversas actividades baixo o lema da campaña, que este ano é: “Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbidas. Non”. A actividade principal que desenvolveron neses centros consistiu na conformación da verba “non” por parte dos propios usuarios, dos profesionais e dos familiares, portando nas súas mans carteis de cor morado, que simboliza a loita das mulleres polos seus dereitos.

Dese xeito, as persoas implicadas, tanto no coidado dos nosos pequenos, como na atención aos nosos maiores, quixeron expresar o seu claro rexeitamento a esa lacra que padece á nosa sociedade e defender como única vía posible para unha convivencia harmónica, a do respecto mutuo entre homes e mulleres.

A campaña institucional da Xunta de Galicia, organizada pola Secretaría Xeral da Igualdade, rematará na xornada de mañá coa sexta edición da andaina “Camiño ao respecto”, na que os participantes percorrerán desde as 10,00 da mañá a distancia entre o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. Á finalización desa marcha, en torno ás 12,30 da mediodía, está prevista a lectura dun manifesto contra a violencia de xénero.


- Te recomendamos -