Inicio Galicia A Rede de Dinamización Lingüística celebra en Sanxenxo a súa VII reunión...

A Rede de Dinamización Lingüística celebra en Sanxenxo a súa VII reunión ordinaria anual

0

O secretario xeral de Política Lingüística e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado participaron hoxe na xuntanza na que a Rede fixou as liñas de traballo para o ano 2019 e ratificou a adhesión de seis novas entidades


A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) coordinada desde a Xunta celebrou hoxe en Sanxenxo a súa VII reunión ordinaria anual, na que participaron, en representación da Administración autonómica, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel. En representación das outras entidades que conforman a Área Política do proxecto fixérono alcaldes e outros responsables institucionais.

Na xuntanza, que acolleu o salón de plenos municipal, aprobáronse as novas liñas de traballo para o ano 2019, deseñadas a proposta da Área Técnica da RDL, centradas na promoción do uso da lingua galega na mocidade –con intervencións nos ámbitos das festas municipais, do audiovisual, das familias novas ou dos xogos e dos xoguetes–, no eido da lusofonía –con propostas de accións de especial incidencia nos eidos educativo, cultural e socioeconómico–, na protección e difusión da toponimia propia e no sector turístico. Para alén disto, a programación contempla a realización doutras accións vinculadas a valores sociais transversais como a sensibilización contra a violencia de xénero e a favor da igualdade.

A orde do día desta sesión ordinaria anual incluíu a ratificación da solicitude de adhesión das entidades Concello de Oia, Concello de Tomiño, Concello de Salvaterra de Miño, Concello de Beariz, Concello de Sanxenxo e Concello de Baños de Molgas, que xa contaban previamente coa adhesión provisional da xunta directiva da RDL. Con elas, a RDL chega aos seu sétimo ano en funcionamento sumando un total de 193 membros entre os que se atopan a propia Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega, a Fegamp, tres das catro deputacións e varias mancomunidades.

Na mema sesión aprobouse a Memoria de actividades do ano 2018, na que se deu conta dun total de 220 accións deseñadas e desenvoltas ao longo deste ano nos concellos, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Política Lingüística e no marco dos coñecidos programas FalaRedes, Redecinema, Nadal en Rede, Toponimízate ou A Rede celebra….

A RDL pechou o ano María Victoria Moreno Márquez en Sanxenxo por ser un dos concellos de referencia para a autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018 cun concerto de Nadal a cargo de Rosa Cedrón. 


- Te recomendamos -