Inicio Galicia A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Paul Daniel, pecha o X...

A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Paul Daniel, pecha o X ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera

0

A xa tradicional cita cultural achega a música clásica ao rural para poñerlle o ramo á súa décima edición, na igrexa barroca da parroquia pontevedresa do mesmo nome

Barcia de Mera (Covelo, Pontevedra), 22 de setembro de 2018.- A actuación da Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Paul Daniel ponlle o ramo á décima edición do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, e pecha un programa de música clásica amplo e importante que se desenvolveu desde o pasado mes de abril na igrexa barroca da parroquia de San Martiño de Barcia de Mera, no concello pontevedrés de Covelo.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asiste hoxe sábado, a partir das 20:30 horas, a un concerto no que o repertorio ofrecerá unha selección de obras clásicas e románticas populares, como As vodas de Fígaro, de Mozart, a Serenata en mi menor de Edward Elgar, Danzas rumanas, de Béla Bartók ou fragmentos de Sono dunha noite de verán, de Mendelssohn. O departamento autonómico de Cultura fixo unha achega especial ao ciclo para a celebración deste décimo aniversario.

Música clásica no ruralA iniciativa, asentada na pequena parroquia de Barcia de Mera, pon de manifesto que se pode trasladar o interese do público a un espazo rural, con propostas de calidade. A xa tradicional cita cultural, baixo a dirección artística de Nieves García-Soto, converteu durante a primavera e o verán o templo barroco nun punto de encontro tanto para os afeccionados á música clásica, como para un público menos habitual, que se achega atraído pola localización dos concertos.

Para celebrar unha efeméride como este décimo aniversario, polo festival pasaron desde abril grupos como a Orquestra de Cámara Galega, o Cuarteto Filhantrompia, a Camerata Brigantina, Vox Stellae ou o Coro de Cámara Rías Baixas.

Unha das novidades máis aplaudidas desta edición foi a produción da ópera Sor Angélica, de Giacomo Puccini, unha das poucas óperas con protagonistas exclusivamente femininas, que foi interpretada pola soprano Beatriz Díaz e a mezzosoprano Belén Elvira. 


- Te recomendamos -