No que vai de ano a Policía Autonómica leva investigadas un total de 26 persoas como presuntas autoras de incendios forestais
Axentes da Xefatura da Policía Autonómica da Ourense veñen de esclarecer dous incendios na provincia. O primeiro deles tivo lugar no concello de Ourense o pasado 16 de maio. Tramítanse dilixencias como investigado contra un veciño do propio concello pola orixe do lume, que se iniciou ás 19.30 horas no lugar de Velle.
O incendio produciuse polo escape dunha queima que o investigado realizou nunha finca sen adoptar as medidas de seguridade indicadas. O lume propagouse e arderon 0,02 hectáreas de monte arborado. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ourense.
O segundo dos lumes tivo lugar no concello de Melón o 20 de maio. Tramítanse dilixencias como investigado contra un veciño do propio concello pola orixe do lume, que se iniciou ás 15.37 horas no lugar de Portalaxe.
O incendio produciuse polo escape dunha queima que o investigado realizou nunha finca sen adoptar as medidas de seguridade indicadas. O lume propagouse e arderon 0,03 hectáreas de monte raso. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribadavia.
No que vai de ano a Policía Autonómica leva investigadas un total de 26 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.
- Te recomendamos -