O sábado 7 de xullo celebrarase no Auditorio Manuel Costa Casares de Agolada a xornada ‘A materialidade da pedra. Da artesanía á industria, camiños de ida e volta’
O programa do Corazón da Artesanía. VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia acolle o sábado 7 de xullo a celebración da segunda edición do Campus dos Oficios, unha xornada de debate e reflexión na que participarán empresas de raíz artesanal, industrias de transformación de materiais, arquitectos e técnicos que achegan a perspectiva do territorio do que nace a materia prima protagonista este ano, a pedra en Galicia. O obxectivo é o interese que suscitan os debates entre estes entes aparentemente afastados, pero que poden atopar puntos compartidos de enriquecemento e de enlace.
Tras o éxito da primeira edición celebrada o ano pasado e dedicada á madeira, a Fundación Artesanía de Galicia organiza esta xornada co título A materialidade da pedra. Da artesanía á industria, camiños de ida e volta, que terá lugar a partir das 12:30 horas no Auditorio Manuel Costa Casares de Agolada.
A esa hora o arquitecto e coordinador do evento Luis Gil Pita fará unha presentación do evento aos asistentes e daralle paso á conferencia do convidado desta edición, Alfonso Salgado, de SalgadoeLiñares ArquitectosEnxeñeiros (Ames, A Coruña). Pola tarde, a partir das 16:30 horas comezará a mesa de debate na que se contará tamén coa participación do canteiro David Soengas (Antas de Ulla, Lugo); o arquitecto redactor do Plan Director da Catedral de Santiago de Compostela, Francisco Javier Alonso de la Peña (Santiago de Compostela); o escultor Manolo Paz (Cambados, Pontevedra); o xerente do Clúster do Granito José Ángel Lorenzo (O Porriño, Pontevedra); o catedrático emérito da Universidade da Coruña e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní, así como Guillermo Rodríguez, da empresa Renovatio (Vigo); Javier Oujo de Sograni (Porto do Son, A Coruña) e Octavio Vázquez, de PCM Granitos Moldurados (Lugo). Todos os interesados en participar nesta xornada deberanse inscribir na páxina web de Artesanía de Galicia, preferentemente antes do mércores 4 de xullo.
Cursos e talleresO Corazón da Artesanía convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades.
Ademais dos postos de exposición e venda, cun total de 52 artesáns de 26 oficios diferentes e 49 expositores de produtos de alimentación, durante os tres días que dura o evento os visitantes poderán ver demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros abertos para todos os públicos que están programados en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas.
O de cestería estará impartido pola artesá Dolores Tourón (Lugo), o de manipulado de papel correrá a cargo do obradoiro Mimadriña (Fisterra), os artesáns José Antonio Carrera (Vigo), Aroa Veiga (Gondomar) e Rebeca Rodríguez (Vigo) dirixirán o obradoiro “Polos pés. Elaboración de calzado con materiais reciclados”. Por outra banda, os ceramistas Susana González (A Coruña), Antón Román (Gondomar) e Roberto Piñeiro (Vigo) impartirán os talleres de torno cerámico. E a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais, a través de María José Martínez (Vigo), encargarase dun taller de tecido de baixo lizo, mentres que Marina Seoane (Oleiros) se encargará do de alto lizo, grazas a un bastidor cúbico que lle permitirá aos asistentes participar na elaboración colectiva de tapices. Ademais, o obradoiro Como pez en el agua (Santiago de Compostela) encargarase de impartir un obradoiro de pintura sobre tecido.
No marco do Encontro, a Fundación Artesanía de Galicia organiza dous cursos de formación especializada para artesáns: Novas ferramentas para novos materiais, dirixido por Rubén García-Louzao Araújo (Pontevedra) e Manipulación de palla trenzada para elaborar complementos, impartido por Félix de Martín (Ourense).
Ademais, están programados tres obradoiros dirixidos a interesados en introducirse nos oficios artesanais: Cestería tradicional con vimbio, impartido polo artesán Antonio Suárez Dávila (Vigo), Cestería tradicional con palla e silveira, a cargo de Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), e o curso de Iniciación á Ilustración, a cargo de Iria Ribadomar (Santiago de Compostela). Neste último curso aínda quedan prazas libres e os interesados deberanse inscribir previamente na web da Fundación Artesanía de Galicia.
Durante tres días, o Corazón da Artesanía, que o ano pasado atraeu a máis de 9.000 persoas, contará coa participación de 52 profesionais de Artesanía de Galicia de 26 oficios diferentes, ademais de actuacións musicais e demostracións gastronómicas, xunto cos obradoiros e cursos profesionais.
- Te recomendamos -