Inicio Galicia A obra completa de Rosalía de Castro xa se pode ler en...

A obra completa de Rosalía de Castro xa se pode ler en xaponés grazas a Takekazu Asaka

0

O secretario xeral de Política Lingüística e o embaixador do galego máis famoso do Xapón presentaron hoxe ‘Wakaba syuu’, edición bilingüe de ‘Follas novas’ ao xaponés-galego coa que o profesor da Universidade de Tsudajuku completa a tradución da obra rosaliana á lingua nipoa


Takekazu Asaka, profesor da Universidade de Tsudajuku, tradutor de galego ao xaponés e embaixador máis famoso da lingua propia de Galicia no Xapón, e mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron hoxe o novo volume Wakaba syuu, primeira edición bilingüe da obra rosaliana Follas novas en xaponés-galego e libro que completa a tradución da obra de Rosalía de Castro á lingua nipoa.

García Gómez puxo de relevo “a grande contribución de Asaka á lingua e á cultura galegas e á súa proxección internacional”, unha contribución “impagable, sempre xenerosa e imprescindible desde hai xa 35 anos que axudou a construír e a fortalecer a ponte que hoxe comunica dúas culturas e dous idiomas tan afastados, tanto desde o punto de vista lingüístico coma xeográfico”. “Unha ponte que proxecta Galicia e pola que nos enorgullece e nos honra a todos os galegos que poidan chegar ao outro lado do mundo os versos, as palabras e as mensaxes da nosa escritora máis universal”, concluíu.

Acompañáronos na presentación, celebrada no compostelán Pazo de San Roque, Hiro Asaka, fillo de Takekazu; o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira (autor do limiar da obra), e o profesor e académico da lingua galega Francisco Fernández Rei.‘Wakaba syuu/Follas novas’Asaka dá ao prelo Wakaba syuu (2018), que cunha escolma representativa duns 60 poemas traducidos ao xaponés dun total de 137 –e das cinco seccións nas que se divide a obra (Vaguedás, Do íntimo, Varia, Da terra e As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos) na que non faltan pezas emblemáticas como Unha vez tiven un cravo, Negra sombra ou Tecín soia a miña tea– se suma ás traducións á lingua nipoa xa feitas dos Cantares gallegos (2002 e 2005) e dos Contos da miña terra (2013) para completar con esta derradeira entrega a edición bilingüe xaponés-galego da obra de Rosalía de Castro.

A obra conta cun limiar de Anxo Angueira, cunha bibliografía final arredor de Follas novas (1880) e cun Cabo do propio autor, no que explica os motivos que o levaron a traducir do galego ao xaponés incluso nun dos momentos máis delicados da súa vida, que pecha un breve texto biobibliográfico no que se resume a traxectoria do propio Asaka (Takiño, en Galicia).

Ilustrado por Ataque e impreso nos talleres de Eybunsya, en Gifu, a edición conta co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Embaixador da lingua e da cultura galegas no XapónTakekazu Asaka (Tokio, 1952), profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou desde entón numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega.

Como ensaísta e investigador, conta cunha dilatada traxectoria galicianista que o levou a escribir volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón, tales como a Gramática do galego moderno (1993), a Guía de conversa en galego (1994), o Vocabulario básico da lingua galega (1995), a monografía As linguas de España e Portugal (2005) ou a Nova gramática galega (2015), que xa vai pola súa segunda edición. Especial relevo ten o seu labor como tradutor de figuras senlleiras da literatura galega ao idioma nipón, dedicación cuxo froito son as versións xaponesas dos Cantares gallegos (2009) e os Contos da miña terra (2014), de Rosalía de Castro; a Cantata a Ramón Cabanillas (2013), o seu Xograr Martín Codax (2015) ou Os Eidos (2017), de Novoneyra.


- Te recomendamos -