Tamén se aumenta o persoal sanitario para adecualo ás necesidades do novo servizo
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe o Hospital Virxe da Xunqueira, para conocer in situ a ampliación e mellora da unidade de diálise, na que o Servizo Galego de Saúde investiu máis de 500.000 euros. Con esta obra, o Sergas duplica a superficie actual da unidade, que pasa de 90 metros cadrados a 188. Así mesmo, os postos de atención aos pacientes se incrementan de 4 a 12. Tamén se aumenta o persoal sanitario para adecualo ás necesidades do novo servizo.
A área de diálise é unha das principais zonas de desenvolvemento coas que a Xerencia deste hospital da rede do Sergas debe traballar na comarca dado o progresivo envellecemento da poboación e o aumento da esperanza de vida, xunto coa potenciación dos servizos de medicina interna e hospitalización a domicilio.
A anterior unidade de diálise atendía 4 pacientes en quenda de mañá e 4 en quenda de tarde, os luns, mércores e venres. Nas novas instalacións de diálise estanse a dializar actualmente 7 en quenda de mañá e 7 en quenda de tarde. En datas próximas se dializaran 8 de mañá e 8 de tarde. A capacidade é para 12 pacientes de maña e 12 de tarde, que se incorporarán de forma progresiva en función da demanda asistencial desta patoloxía.
A recente aprobación da modificación da Lei de Saúde de Galicia favorece a adopción de medidas nos hospitais comarcais, coas que se mellora o servizo sanitario, achegando cada vez máis as prestacións á cidadanía. Ademais, garántense e poténcianse os servizos e especialidades a nivel comarcal. Así, por primeira vez, unha norma con rango de lei blinda a existencia dos hospitais comarcais coa creación dos Distritos Sanitarios.
Outras mellorasA Xerencia da área sanitaria integrada da Coruña continúa, pois, a realizar melloras de xeito continuo no Hospital Virxe da Xunqueira para manter e incrementar a calidade da asistencia sanitaria prestada á poboación e a dotación de recursos a disposición do persoal. Así, os tres quirófanos que forman parte do bloque cirúrxico do Hospital Virxe da Xunqueira foron modernizados e dotados de nova aparataxe. As actuacións consistiron na substitución do chan, saneamento e pintado das paredes, ademáis do cambio das lámpadas e mesas de quirófano. Todas estas actuacións supuxeron un investimento de 200.000 euros.
Outras melloras destacadas son: o mamógrafo dixital, novo arco cirúrxico, Sistema de dispensación automatizado (Farmacia), dotación para teleasistencia do ICTUS, aparataxe electromecánico por valor de 150.000 euros (desfibriladores, ecocardiogramas, monitores, eco-doppler, pulsiosímetros, carros e neveiras de medicación), motor novo no quirófano de traumatoloxía, ecográfo (Rx), videogastroscopio para aparello dixestivo, sala dixital (Rx xeral), renovación das máquinas de anestesia, adquisición dunha mesa de quirófano de traumatoloxía ou substitución do TAC, entre outras.
En definitiva, o Hospital Virxe da Xunqueira presta un bo servizo á cidadanía de Cee e poboacións próximas, que se complementa co seu hospital de referencia, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, para dar cobertura a unha ampla carteira de servizos, cos medios máis avanzados e os profesionais máis competentes.
- Te recomendamos -