Inicio Galicia A nova planta de recuperación de envases na bolsa negra do complexo...

A nova planta de recuperación de envases na bolsa negra do complexo medio ambiental de Cerceda comezará a operar a vindeira semana

0

Esta nova instalación permitirá multiplicar por catro a actual cifra de tratamento de lixo doméstico e avanzar cara o “vertido técnico cero”, é dicir, desviar ao vertedoiro só a parte do lixo imposible de valorizar material ou enerxeticamente

A nova planta de recuperación de envases contidos no lixo en masa (na bolsa negra) que se sitúa no Complexo Medio Ambiental de Cerceda comezará a operar a vindeira semana, despois de que no mes de xuño se iniciara o período de probas. O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Javier Domínguez, presentou esta tarde as contas para o exercicio de 2019 da entidade que preside, que xestionará un orzamento global de 118 millóns de euros.

Salientou que o Goberno galego cumpre co prazo fixado para esta planta de recuperación, na que se investiron 29 millóns de euros, xa que a previsión era que operará a pleno rendemento a finais deste mesmo ano. Esta instalación permitirá multiplicar por catro a cifra actual de tratamento de lixo doméstico de xeito máis eficiente e sostible, acadando a cifra de 120.000 toneladas de materiais que se enviarán aos centros de reciclaxe.

Asemade, esta capacidade tradúcese nunha redución do uso do vertedoiro a mínimos, pretendendo chegar ao vertido técnico cero, é dicir, que só se desvíe a vertedoiro a parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente.

As contas do vindeiro ano permitirán seguir avanzado na implantación da innovación tecnolóxica para acadar a máxima eficiencia, polo que se abordará a remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, cun orzamento de preto de 10 millóns de euros. Ao termo das obras, Sogama pasará a tratar un millón de toneladas, incrementando nun 81% a súa capacidade ou o que é o mesmo, tratará en condicións óptimas todos os residuos urbanos producidos en Galicia.

No momento no que se conclúan ambas fases, a finais de 2019, Sogama converterase nunha das infraestruturas industriais das súas características máis grandes e eficientes do planeta, salientou o presidente de Sogama.

Nese sentido, Javier Domínguez recordou que o Goberno galego adoptou a decisión de apoiar a aqueles concellos que certifiquen un maior compromiso coa xestión, redución e separación dos residuos; polo que o canon de Sogama reducirase nun 10%, naqueles concellos que certifiquen o seu compromiso coa redución de residuos e o fomento da recollida selectiva. CompostaxeO presidente de Sogama explicou que a reciclaxe da materia orgánica é outra das prioridades, á que se dará resposta coa planta de compostaxe industrial á que se destina un investimento de 2,5 millóns de euros e ten unha capacidade industrial para 15.000 toneladas anuais. Na actualidade está en período de probas e á espera de que os concellos máis próximos –aos que dará servizo- implanten a recollida selectiva da fracción orgánica contida nos residuos a través del quinto contenedor.

Por último, indicou que -xa con anterioridade a estas iniciativas- se puxo en marcha un programa de compostaxe doméstico ao que se adheriron máis de 280 entidades entre as que se repartiron máis de 9.500 composteiros, aos que se lles deu medios materiais e formación, así como material didáctico. 


- Te recomendamos -