Inicio Galicia A nova Lei de espectáculos aumenta as atribucións dos concellos para autorizar...

A nova Lei de espectáculos aumenta as atribucións dos concellos para autorizar eventos no seu termo municipal

0

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, explicou hoxe en rolda de prensa as principais novidades deste texto lexislativo


A nova Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que entrará en vigor o próximo 2 de xullo, aumenta as atribucións dos concellos á hora de autorizar os eventos que teñan lugar no seu termo municipal, ben sexa nun establecemento ou ao aire libre.

Así o explicou hoxe o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, nunha rolda de prensa, na que explicou as principais novidades deste texto lexislativo, a primeira lei autonómica que regula este sector e que avoga por protexer a consumidores e aos menores; garantir a seguridade; e preservar o medio ambiente e o patrimonio.

No que se refire ao ámbito competencial, concretou que a nova Lei, ademais de proporcionar unha maior autonomía local, facilita unha simplificación e axilización dos trámites.

Puxo como exemplo desta simplificación as autorizacións de actividades extraordinarias, isto é, aqueles eventos que se realizan en establecementos e que non están amparados pola súa licenza. Ata a entrada en vigor da Lei, estes establecementos debían pedir unha autorización á xefatura territorial da Xunta, previo informe do concello. A partir do 2 de xullo o procedemento simplificarase: só necesitarán a autorización municipal. É máis, a Lei faculta aos concellos para regular por ordenanza as actividades extraordinarias de escasa entidade (monólogos, contacontos, concertos…) e eximilas así de calquera trámite administrativo, se así o consideran. Polo tanto, a Lei non establece ningún tipo de prohibición de espectáculos e música en vivo senón que, ao contrario, simplifica e axiliza os seus trámites.

A maior competencia local non se limita só a estas actividades extraordinarias, senón que os concellos tamén poderán autorizar ampliacións de horario -a partir do marco xeral que estableza a Xunta-, así como tamén terán capacidade de inspección e sanción. Do mesmo xeito, tamén se simplifica a tramitación das verbenas populares, que só precisarán dunha declaración responsable, así como o seguro de responsabilidade civil exixido. Deste xeito o texto facilita o traballo das comisións de festas, ao tempo que o conxuga co mantemento da seguridade das persoas.

Outra das principais novidades da Lei é que aposta por unha maior defensa dos consumidores, a través de diversas medidas como a condena expresa á discriminación de calquera tipo no dereito de admisión, ou grazas ao establecemento de que teña que ser profesional habilitado o que exerza o control de acceso naqueles locais que, pola normativa vixente, así o necesite. Neste punto, o director xeral aclarou que a Lei non establece novos requisitos neste sentido, isto é, os locais de acceso que precisan control de acceso son os mesmos que a necesitaban coa normativa vixente.

En aras de garantir a seguridade, a Lei de espectáculos dedica un artigo ás condicións técnicas e de seguridade que deben cumprir os espectáculos, actividades e establecementos. Neste caso, o texto reitera as obrigas que xa existen na lexislación vixente; así como a necesidade de que os titulares de establecementos ou organizadores de espectáculos conten cun seguro de responsabilidade civil.

Xa por último, o director xeral fixo fincapé noutros aspectos salientables da Lei como a prohibición da revenda de entradas, pioneira a nivel estatal; ou a protección dos menores, aos que se lles prohibe o acceso a espectáculos taurinos cando sexan menores de 12 anos, dando cumprimento así a un mandato parlamentario neste sentido.

Por último, recordou que a Lei é froito dun amplo traballo de consenso e diálogo con todos os axentes implicados para elaborar un marco normativo actualizado que garanta e concilie os distintos dereitos e intereses de promotores, titulares de establecementos e usuarios. 


- Te recomendamos -