Do 4 de agosto ao 2 de setembro, o ciclo propón andainas en Lugo, A Guarda, Valdoviño, Ordes, Esgos, Palas de Rei, A Peroxa e Bueu
A nova edición de Monumenta andar con arte presenta como principal novidade para este 2018 a incorporación de música en formato acústico aos percorridos que achegan o patrimonio cultural á cidadanía. Do 4 de agosto ao 2 de setembro, o ciclo propón andainas en Lugo, A Guarda, Valdoviño, Ordes, Esgos, Palas de Rei, A Peroxa e Bueu, que contarán con camiñantes convidados para guiar a visita en cada unha das oito xornadas.
A Secretaría Xeral de Cultura volve a apostar por “un programa de actividades culturais que xira en torno á experiencia da andaina, entendida como unha maneira de explorar e de vivir o territorio”, segundo explicou o responsable do departamento, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación do ciclo, que tivo lugar no claustro do Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. “Deste xeito, como vimos comprobando polas anteriores experiencias, contribuímos a que se valore e se goce da riqueza patrimonial que nos rodea, espallada por todo o territorio e da que, moitas veces, non somos conscientes”, engadiu o secretario xeral de Cultura.
No acto participaron, ademais, o coordinador do ciclo, Julio Gómez, e dous dos músicos que forman parte de Monumenta 2018, Su Garrido, cantante de Son Trío, e Daniel Alonso, de Os Amigos dos Músicos.
Unha oferta cultural descentralizada e vinculada co localMonumenta naceu no ano 2013 como “unha experiencia diferente de vivir e sentir o noso patrimonio, apreciando ao camiñar a súa singularidade cultural e paisaxística”, que procura, ao tempo, “unha oferta cultural descentralizada, moi vinculada co local”, afirmou Anxo Lorenzo. “Desde entón non deixou de medrar e mellorar, innovando en cada edición”. Nesta ocasión o ciclo incorpora a integración de música ambulante, en versión acústica, nos percorridos, sen deixar por iso de lado a parte divulgativa das andainas, que corre a cargo dos camiñantes convidados, moi ligados ao local.
Trátase de, segundo abundou o secretario xeral de Cultura, “oito andainas dedicadas a camiñantes históricos, como o pai Baltasar Merino, ou a oceanógrafa Ángeles Alvariño, ademais de rutas polos monumentos máis singulares, como a Muralla de Lugo. O patrimonio inmaterial chega da man do antropólogo danés Gustav Henningsen e o seu traballo de campo sobre meigas e feitizos; a pintura de Urbano Lugrís ou a literatura de Emilia Pardo Bazán”. Os artistas participantesPara acompañar a ruta da Pasaxe á Guarda, que seguirá os pasos do pai Baltasar Merino o domingo 5 de agosto, Monumenta contará con MJ Pérez, unha das novas voces do panorama actual da música galega. O domingo seguinte, 12 de agosto, Ariel Ninas e Anxo Faraldo presentan unha peza a medio camiño entre a instalación e o concerto baixo o faro de Valdoviño, na homenaxe á oceanógrafa Ángeles Alvariño.
O sábado 18, para acompañar as meigas e feitizos de Gustav Henningsen, o dúo Tralo-Valo interpretará cancións do repertorio gravado polo antropólogo danés en Galicia, sobre todo na bisbarra da Terra de Ordes, por onde discorrerá a andaina. Os amigos dos músicos poñerán o acompañamento musical á rota polo Camiño Real ata San Pedro de Rocas, en Esgos, o 19 de agosto, mentres que Francisco Romualdo e a súa zanfona engadirá maxia á andaina que segue os pasos de Emilia Pardo Bazán polos Pazos de Ulloa en Palas de Rei, o sábado 25 de agosto.
Ao día seguinte, o 26 de agosto, Son Trío, o grupo feminino que acaba de estrear Miña almiña, baseado nos versos de Rosalía de Castro, estarán nos Peares na andaina que percorre o patrimonio industrial desta vila. Pechan esta edición de Monumenta andar con arte o grupo de música popular Dous, na viaxe fantástica polo mundo de Urbano Lugrís no Parque Natural das Illas Atlánticas.
Os camiñantes convidadosOs camiñantes convidados, expertos nos temas que centran cada unha das andainas, engaden coñecementos a unha experiencia única. Así, para empezar o ciclo, o 4 de agosto o ornitólogo Gustavo Ferreiro, o arqueólogo Celso Rodríguez e o arquitecto José Pastor Ferreiros serán a mellor compaña para o percorrido pola Muralla de Lugo, non só un monumento Patrimonio da Humanidade, senón tamén o fogar dos vencellos. Xeólogos, profesores, guías profesionais, arqueólogos, investigadores e ata unha espeleóloga formarán parte activa desta nova edición do ciclo Monumenta andar con arte.
Para favorecer un maior aprecio e coñecemento do patrimonio cultural, a Consellería de Cultura e Educación vén promovendo iniciativas de achegamento aos bens monumentais a través de vivencias novas. Nesta liña enmárcanse os ciclos Monumenta e Espazos Sonoros, así como tamén outras iniciativas que contan co apoio do departamento, como o Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera ou os Concertos Didácticos de Celanova.
Máis información sobre o ciclo e para inscribirse nas andainas, aquí.
- Te recomendamos -