Francisco Menéndez explica que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda levou a cabo no ano 2017 as obras de reforzo de firme e unha optimización da sinalización vertical e horizontal neste treito da estrada
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, na que salientou que a Xunta acondicionou o firme e mellorou a sinalización na estrada OU-531, ao seu paso por Mandrás, en Celanova, co fin de incrementar a seguridade viaria na contorna.
Francisco Menéndez explicou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda levou a cabo no ano 2017 as obras de reforzo de firme e unha optimización da sinalización vertical e horizontal neste treito da estrada, en Mandrás.
O núcleo de Mandrás atópase na marxe da estrada OU-531, entre os quilómetros 24+255 e 23+500. A plataforma da estrada nese treito consta de 3 carrís de circulación: un sentido Celanova e outros dous, un deles de adiantamento, en sentido a Xinzo de Limia.
O director indicou que as actuacións de sinalización horizontal se realizaron consonte á normativa actual en materia de estradas, que impide neste punto o xiro á esquerda por estar nun carril rápido de adiantamento, lugar pouco seguro para deterse a xirar. Neste sentido, os usuarios deben circular 700 metros ata a glorieta existente no Pq. 23+540 para facer o xiro.
Lembrou que no pasado mes de febreiro a Xunta mantivo un encontro de traballo co Concello de Celanova e representantes veciñais para abordar esta actuación.
Sinalou que a velocidade deste treito é de 70 Km/h en subida, por iso existe un carril de adiantamento, e ao chegar á glorieta se reduce a 40 Km/h como establece a normativa. Puntualizou que esta velocidade é a axeitada para un treito de estrada da rede primaria básica destas características.
- Te recomendamos -