Inicio Galicia A maioría das novas producións audiovisuais subvencionadas este ano pola Agadic apostan...

A maioría das novas producións audiovisuais subvencionadas este ano pola Agadic apostan pola versión orixinal galega

0

Publícase no web da Axencia a adxudicación de dous millóns de euros en axudas a 13 novos títulos para cine e televisión

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar no seu web a relación dos 13 proxectos beneficiarios en 2018 da convocatoria anual de axudas a producións e coproducións audiovisuais, entre os que destaca a aposta maioritaria pola rodaxe en versión orixinal galega. Estas subvencións están dotadas con dous millóns de euros, cos que que a Xunta impulsará a rodaxe de catro novas longametraxes cinematográficas en imaxe real, dúas de animación, catro documentais para cinema e para televisión, unha serie e dúas curtametraxes.

Na modalidade de longametraxes de ficción, subvenciónase con 259.412 euros O home e o can, título presentado por Caladiño Filmes con dirección de Rafael de los Arcos, que culmina con esta axuda un proceso previo para o que tamén contou co apoio da Agadic a través das subvencións a desenvolvemento de proxectos e promoción do talento audiovisual galego (modalidade guión). Esta mesma contía é a que recibirá Cuñados, primeira longa de ficción que producirá Portocabo e para a que conta con Jorge Coira na dirección e co guión de Araceli Gonda.

Nesta categoría figuran, así mesmo, Matriuska coa coprodución galego-mexicana ¿Qué hicimos mal?, dirixida por Liliana Torres con guión dela e mais de Anxos Fazáns, e Maruxiña Film Company con Ons, do realizador Alfonso Zarauza, quen asina o guión con Jaione Camborda. Ambas películas son adxudicatarias de 239.457 euros.

AnimaciónNo apartado de longas de animación, as dúas fitas beneficiarias percibirán 259.412 euros cada unha: Valentina é diferente, de Abano Producións, que suporá o salto da produtora Chelo Loureiro ao ámbito da dirección e do guión, neste último caso xunto a Lúa Testa; e A galiña turuleca, proxecto presentado por Brown Films, que conta con Víctor Monigote e Eduardo Gondell na realización.

En canto ao xénero documental, das catro longas seleccionadas, tres están pensadas para as salas de cinema e unha para a televisión. No primeiro dos casos atópanse A-Cero-5 (59.864 euros), de Agallas Films con dirección de Gonzalo Suárez; Welcome to ma maison (58.278 euros), de Acanea Impulsión e segundo traballo de Andrés Goteira tras o éxito do seu debut con Dhogs; e Clowns’s Planet (45.447 euros), de Sun Lúa con dirección de Héctor Carré. Picadillo, o peso da cociña galega, de Breogán Riveiro e presentado por Formato Producciones, foi seleccionado como documental para televisión cunha subvención de 30.431 euros.

Caso de estudo en Conecta FICTIONEn series televisivas, a Agadic impulsa con 259.412 euros O amargo sabor das margaritas, proxecto de CTV para Televisión de Galicia, que precisamente este mércores será presentado como caso de estudo no marco de Conecta FICTION, o encontro internacional de coprodución de ficción para televisión que dá comezo hoxe en Santiago coa participación de 400 profesionais dunha vintena de países. Trátase dun thriller dirixido por Miguel Conde, con Nerea Barros e María Mera nos papeis protagonistas.

Completan a relación de proxectos apoiados as curtametraxes Os prexuízos da auga, de Santos Díaz con produción de Miramemira, e Homomaquia, de David Fidalgo, producida por Abano. En ambos casos, a contía da axuda é de 15.000 euros.

O home e o can, Cuñados, Valentina é diferente, A galiña turuleca, Clown’s Planet, Os prexuízos da auga, Homomaquia, O amargo sabor das margaridas e Picadillo, o peso da cociña son as nove propostas en versión orixinal galega apoiadas este ano. Esta circunstancia está promovida a través das bases da convocatoria, que establecen unha puntuación extra no baremo de valoración para os traballos rodados/gravados no noso idioma.

A resolución destas subvencións, as de maior dotación das cinco convocatorias públicas que a Agadic destina cada ano ao sector audiovisual galego, pode consultarse nos apartados de Axudas e de Avisos do web da Agadic.


- Te recomendamos -