Inicio Galicia A iniciativa Comercio con talento premia ao establecemento 'Aquí é' de Ourense

A iniciativa Comercio con talento premia ao establecemento 'Aquí é' de Ourense

0

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a delegada da Xunta, Marisol Díaz, entregaron hoxe o diploma ao negocio, galardoado a proposta dunha alumna do CIFP Portovello


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, entregaron hoxe ao establecemento Aquí é un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa coa que a Xunta pretende impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado de formación profesional.

Con esta acción, na que participou alumnado de ciclos formativos relacionados co comercio de toda Galicia, búscase impulsar a participación e o contacto dos estudantes coa realidade do sector, complementando a súa formación; potenciar a innovación, o emprendemento e a incorporación do talento á actividade comercial de proximidade, así como ás pemes deste sector; e incrementar o coñecemento das novas tendencias do comercio, especialmente das novas tecnoloxías.

Para participar no concurso, o alumnado estudou o comercio da súa comarca para, finalmente, seleccionar un negocio de acordo a criterios como o espazo físico, a xestión, o produto ou a atención ao cliente. Posteriormente, os participantes elaboraron un proxecto sobre o comercio elixido.

Un xurado especializado escolleu os nove comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de cinco para ser escollidos no Facebook do Portal do Comerciante, polo que un dos 10 premios decídese polo número de “me gusta” recibidos. Os autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad wifi 32GB.

No caso de Aquí é, foi proposto por Alba Brandín, alumna do curso superior de xestión de vendas e espazos comerciais do CIFP Portovello de Ourense. No seu traballo, lembra que o establecemento é un supermercado pertencente ao Grupo Cuevas, fundado en 1867. Aquí é aposta polos produtos galegos e ten moita presenza das novas tecnoloxías, incorporando etiquetas dixitais cos prezos e contando con páxina web e redes sociais. No proxecto tamén se destaca que contan cun menú do día cunha receita nunha pantalla táctil e todos os produtos necesarios para esa receita expostos para poder levalos. Ademais, teñen bolsas ecolóxicas e os carros da compra están feitos con botellas recicladas.


- Te recomendamos -