Inicio Galicia A iniciativa ?Camiño da Reciclaxe? chega ao Camiño Portugués para protexer a...

A iniciativa ?Camiño da Reciclaxe? chega ao Camiño Portugués para protexer a contorna natural deste itinerario

0

O proxecto que busca converter a ruta xacobea nunha peregrinación 100% sustentable, estendendo a conciencia ambiental e o respecto polos valores naturais, patrimoniais e históricos

O Camiño Portugués súmase á iniciativa Camiño da Reciclaxe, co fin de protexer a contorna natural deste itinerario e contribuír á súa conservación ao tempo que se fomenta a economía circular. Camiño da Reciclaxe é un proxecto ambiental que busca que os miles de peregrinos que anualmente percorren o Camiño de Santiago poidan separar e reciclar os distintos residuos de envases que van xerando durante cada etapa, evitando así a “basureza” (residuos xerados polo ser humano e abandonados na natureza).

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, e o director de Xestión Local e Autonómica de Ecoembes, Ángel Hervella, acompañados polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participaron esta mañá na presentación desta iniciativa que promove unha actitude que, aínda que sempre é imprescindible, cobra aínda máis importancia ao longo desta ruta que transcorre por un marco natural incomparable, destacou a directora de Calidade Ambiental.

Grazas á colaboración de máis de 200 ecoalbergues do Camiño de Santiago e dos milleiros de peregrinos que realizan a ruta xacobea, acadarase o obxectivo de converter esta ruta nunha peregrinación 100% sustentable, estendendo a conciencia ambiental e o respecto aos valores naturais, patrimoniais e históricos ao longo deste itinerario.

Ferreira Costa argumentou que Galicia debe estar á cabeza da transformación ambiental, social e económica que está a experimentar este século XXI, é dicir, a transformación cara o novo modelo de economía circular.

Pola súa banda, a directora de Turismo, Nava Castro, manifestou a súa satisfacción por que esta campaña, que xa se realizaba no Camiño Francés e no do Norte, continúe medrando e estendendo os seus beneficios polos albergues de cada vez máis itinerarios xacobeos. A incorporación este ano dos establecementos do Camiño Portugués permitirá, dixo, que se beneficien tamén os milleiros de peregrinos que transitan polo segundo itinerario máis percorrido, que medra a un ritmo dun 22% no que levamos de ano. Ademais, como explicou, esta ruta, xunto co Camiño Portugués da Costa, é a protagonista durante 2018 do Plan director do Camiño de Santiago, o que supón que boa parte dos investimentos de mellora, sinalización, novas infraestruturas, promoción e dinamización se centren en ambos, seguindo o cronograma previsto nesta folla de ruta."O Plan director da Xunta inclúe unha liña estratéxica para garantir a sustentabilidade da peregrinaxe e, un ano máis, este Camiño da Reciclaxe alíñase cos nosos obxectivos para un Camiño de Santiago limpo e en perfecto estado de mantemento", indicou Nava Castro. Neste sentido, recordou a importancia que os residentes nos concellos de Galicia polos que atravesa a ruta xacobea lle outorgan á pegada medioambiental.

De feito, as conclusións do Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela a iniciativa do Goberno galego, constatan que a ruta xacobea supón un exemplo de sustentabilidade e revelan que, en opinión dos veciños, está a contribuír a preservar a paisaxe e non xera un problema de xestión de residuos nin aumenta a contaminación ambiental. "Sen dúbida, estas conclusións anímannos a seguir traballando apoiando iniciativas como a que hoxe presentamos para reforzar a excelencia da experiencia dos peregrinos e manter a completa conservación do Camiño de Santiago a todos os niveis", indicou a directora de Turismo.

Kits para a reciclaxe de envasesNa iniciativa Camiño da Reciclaxe os albergues adquiren un papel fundamental, xa que se converten no mellor lugar onde poder reciclar os envases que van xerando. Todos eles foron equipados cunha media de dous a catro contedores amarelos, -onde se depositan os envases de plástico, latas e briks-, e azuis, destinados aos envases de papel e cartón. Así mesmo, recibiron carteis explicativos para o seu correcto uso, así como unha guía sobre como reciclar correctamente. Do mesmo xeito, recoñeceuse a súa implicación no proxecto coa entrega dun selo que lles identifica como ecoalbergue, distintivo para colocar á entrada do establecemento.

Para axudar aos responsables dos albergues, a iniciativa incorpora material de benvida ao ecoperegrino a un albergue sustentable, así como un distintivo de madeira para que poidan identificarse como lugares sustentables ou vinilos para colocar en diferentes espazos con consellos e recordatorios, como por exemplo: Apaga a luz e acende o teu lado eco, Pecha a billa ante o malgaste de auga ou Pasa tempo na natureza non na ducha.

Asemade, os propios hospitaleiros serán os encargados de repartir entre os camiñantes os kits do peregrino, deseñados para facilitar a reciclaxe de envases. Estes están compostos por unha bolsa reutilizable que lles será de gran utilidade á hora de transportar os residuos entre albergues dunha forma cómoda e sinxela. No caso de Galicia, repartiranse máis de 40.000 dos 165.000 kits totais. 


- Te recomendamos -